BENESTAR SOCIAL E MULLER

O alcalde anuncia a implantación das prestacións de comedor e de lavandería sobre rodas de xeito continuado

10/09/2007 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que as prestacións sociais de comedor e de lavandería sobre rodas funcionarán de xeito continuado a partir do último trimestre do ano. Ademais, comunicou que se producirá un aumento das axudas a domicilio ata as 118 persoas, co que desaparecerá a lista de espera e, para 2008, incrementarase ata os 150 usuarios. Tamén en teleasistencia se aumentarán a 150 as terminais.

Sánchez Bugallo fixo estes anuncios no transcurso da inauguración do novo edificio que ocuparán os departamentos municipais de Benestar Social e Muller. Fíxoo acompañado da concelleira da área, Mar Martín. Grazas á implantación permanente dos servizos de comedor e lavandería, poderase atender de forma continuada aos domicilios daquelas persoas que, dentro do programa de axuda o fogar, precísano por razóns de idade, por presentar dificultades para facer esta tarefa ou por outras razóns de índole familiar ou social.

A nova sede, situada na rúa das Galeras, 46, ao lado do hospital vello, comezará a funcionar a pleno rendemento o xoves 13, unha vez se vaia completando o traslado do persoal. Arquitectonicamente, o edificio deseñado por Alfredo Varela consta de planta baixa e un primeiro. Cada andar divídese á súa vez en dúas partes.

Na planta baixa, de 438 metros cadrados útiles, úbicase un hall, unha sala de espera, sete despachos de Servizos Sociais e catro de Muller, e unha sala de xuntanzas. Na primeira planta, de 384 metros cadrados útiles, atópanse sendas bibliotecas, ademais doutros seis despachos para Servizos Sociais e outros cinco despachos para Muller. A obra contou cun orzamento total de 923.000 euros.

Coa construción desta nova sede para Benestar Social e Muller e a da Casa das Asociacións de Servizos Sociais en Salgueiriños, o Concello dá resposta á crecente demanda das prestacións sociais ofrecidas por estes departamentos e cada vez máis requiridas polos cidadáns. Así, a nova Casa das Asociacións impulsará a participación social e a colaboración entre cidadáns, asociacións e administración.

O obxectivo da Concellaría de Benestar Social e Muller é achegar os servizos sociais aos veciños de Compostela, e nesa liña tamén está a atención e o asesoramento que se presta nos principais centros socioculturais da cidade, ou na caseta cedida ás entidades de acción social na praza de Galicia.

Horarios e servizos
O novo edificio funcionará cun horario de 9:00 a 11:30 horas para información e de 12:00 a 14:00 horas para as citas. Alí en Galeras haberá dúas unidades de traballo social (UTS), onde os usuarios serán atendidos por traballadoras sociais, unha avogada e unha psicóloga. Tamén estarán nesta sede a traballadora social e a axente de desenvolvemento local encargados do Plan de Emprego.

Cómpre lembrar que as outras unidades de traballo social están situadas de xeito permanente nos centros socioculturais de Fontiñas, Vite e Ensanche. As UTS tamén funcionan un día á semana nos centros de Conxo e da Trisca.

Así mesmo, o complexo de Galeras albergará o Centro de Información á Muller, onde unha traballadora, unha avogada e unha psicóloga atenderán a tódalas usuarias que o desexen.

Unha vez completado o traslado á nova sede de Benestar Social, comezarán os trámites para converter o edificio desaloxado nunha nova escola infantil que dará servizo ao Ensanche compostelán.

Compartir: