BENESTAR SOCIAL

Máis de 290.000 euros para prestación de servizos sociais

10/09/2007 A Xunta de Goberno local deu conta da concesión, pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, dunha subvención para a prestación se servizos sociais, por un importe de 292.956 euros. Esta achega permitirá a prórroga dalgúns dos programas existentes e o financiamento doutros novos.

A subvención afectará a programas como os de asistencia social ou axuda a domicilio, entre outros conceptos. Tamén se inclúe a xestión dos programas de aloxamento e convivencia, prevención e inserción, apoio á unidade de convivencia e intervención con colectivos con necesidades específicas.

A Xunta tamén achegará a Benestar Social, nunha resolución posterior, unha cantidade complementaria para incrementar o financiamento do programa de axuda no fogar para a atención ás persoas que se atopen en situación de dependencia.

Integración da poboación inmigrante
Por outra parte, o Goberno local ratificou a solicitude dunha subvención, á Secretaría Xeral de Emigración, para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de integración da poboación inmigrante extracomunitaria.

En concreto, demándase financiamento para as actuacións dirixidas a facilitar a integración social das mulleres inmigrantes que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade (4.703 euros); para o programa de reforzo educativo (11.982 euros) e para o programa de fomento de actuacións coordinadas entre os centros educativos e o seu contorno e de actividades de educación non formal e extracurriculares (8.182 euros).

Exposición sobre violencia doméstica
Un convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Fundación La Caixa fará posible que a exposición "Violencia: tolerancia cero" este aberta no parque central da Alameda entre o 3 e o 28 de outubro. Esta mostra itinerante está orientada a potenciar a sensibilización social en torno ao maltrato. No marco da exposición ofreceranse visitas gratuítas e guiadas dirixidas a centros escolares de primaria, secundaria e bacharelato.

Compartir: