PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica organiza un Curso de Electricista de Edificios destinado a mulleres desempregadas

07/09/2007 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo organiza un Curso de Electricista de Edificios, destinado a mulleres desempregadas. O proceso de selección terá lugar o martes, 11 de setembro, de nove da mañá a dúas da tarde, na porta 9 do Estadio de San Lázaro, situado na Avenida Fernando Casas Novoa, número 20.

A actividade formativa, da que se ofertan 15 prazas, está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. O obxectivo do curso é facilitar a inserción laboral da muller impulsando a súa cualificación profesional naquelas profesións que sexan demandadas polo mercado de traballo.

O Curso de Electricista de Edificios, igual que todos os programados pola Concellaría, foi seleccionado atendendo á alta demanda laboral que existe neste campo, polo que é unha boa oportunidade para acceder ao mercado de traballo. Esta especialidade está dirixida a facilitar o acceso da muller ao emprego en igualdade de condicións que o home, un obxectivo prioritario nas accións desenvolvidas por Promoción Económica e Emprego.

A acción formativa ten unha duración de 215 horas. Está previsto que comece o 17 de setembro e remate o 12 de novembro. Durante o curso as alumnas aprenderán a montar, instalar, manter e reparar liñas eléctricas interiores e exteriores de baixa tensión e sistemas de pósta a terra. As interesadas poden obter máis información sobre esta actividade formativa no teléfono 981 542 493 ou na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Emprego: www.maiscompostela.org

Esta actividade formativa tamén ofrece a posibilidade de realizar prácticas en empresas. Ademais, as alumnas que asistan tanto a este curso como aos incluídos no Plan FIP pero que non logren insertarse laboralmente seguirán recibindo o apoio da Concellaría, podendo acollerse aos Itinerarios Personalizados de Inserción Laboral, a través dos que recibirán a orientación e a axuda precisa de titores especializados sobre cómo integrarse no mercado de traballo.

Compartir: