CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Semana Cultural de Conxo alcanza unha nova edición adaptada plenamente á evolución do barrio

07/09/2007 Do 10 ao 15 de setembro, o Centro Sociocultural de Conxo celebra unha nova edición da súa Semana Cultural. Xa son 22 entregas desta iniciativa, que chega cargada de música, teatro, xogos, talleres e exposicións.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Néstor Rego, presentou o calendario de actividades, que comezarán o luns 10 de setembro ás 19:30 horas. Será o momento para abrir as exposicións "Compostela verde", con fotografías de Sonia Iglesias, e "Plantas medicinais", de Goe. A sesión amenizaraa o grupo de pandereteiras da Asociación de Música Tradicional de Conxo.

O programa inclúe un ano máis unha importante oferta de talleres: chapas, ciencia divertida, tai-chi, percusión afro-brasileira, construción de xoguetes con materiais de refugallo, mantemento de bicicletas ou flores e plantas de medicinais. En canto ao deporte e aos xogos, non faltarán os campionatos de cartas, dardos ou tenis de mesa; unha xincana de xogos populares, un torneo de ludochapa, un concurso de redondel e bechos, os xogos de rol en mesa, unha xincana ciclista, unha exhibición de tenis de mesa ou o campionato de fútbol 3x3.

A oferta de lecer complétase con cine ao aire libre, con contacontos e con visitas guiadas e charlas "para coñecer a riqueza natural e patrimonial do barrio e, ao mesmo tempo, que os veciños se coñezan", en palabras de Néstor Rego. Tampouco faltará o teatro de monicreques, coa representación de "A rúa das fantasmas" a cargo da compañía Cascanueces.

O último día da Semana Cultural, o sábado 15, celebrarase o torneo de xadrez, para o que as inscricións estarán abertas ata o venres 14. Haberá premios para os cinco primeiros clasificados e diplomas para todos os participantes. E para rematar, fin de festa na praza Aurelio Aguirre cos xogos do mundo, entrega de premios aos gañadores dos torneos e xogos e concerto de música tradicional con Pablo Seoane, que presenta o seu disco "Fluíndo en pechado". Cerrará a velada, xa de madrugada, a actuación de Dj Drake.

O de Conxo é o segundo centro sociocultural máis antigo da cidade. Naceu alá por 1992 e segundo o responsable da Rede de Centros Socioculturais, Enrique Vázquez, destaca por ter tido nestes anos "a capacidade de adaptarse á evolución do barrio".

Documentos relacionados



Compartir: