CULTURA

Maxia e fantasía para o público infantil da man da obra "Golulá"

07/09/2007 O Teatro Principal acolle o sábado 8 e o domingo 9 a representación de Golulá, a cargo de Galitoon Productions. O espectáculo é unha invitación a unha viaxe a un mundo misterioso e marabilloso, un alegato á fantasía conseguida a través de diferentes técnicas, do ritmo e da musicalidade.

Golulá é unha historia que tenta transmitir valores éticos e positivos que promoven o respecto, a tolerancia e a solidariedade. A súa estrutura é a dun conto que espertará nos nenos e nos que non son tan nenos o espírito de aventura e de bondade.

A montaxe conta a historia dun país Golulá, que a diferenza doutros, as persoas son todas diferentes, de diferentes especies, de diferentes formas, de diferentes cores, mesmo as persoas falaba en idiomas distintos, pero aínda así todos se entenden. O máis curioso deste país é que só ten unha nube, da que coida un gorila grande e forte chamado Bunkaa. Aquí tamén vive a súa amiga Lara, unha nena aventureira e emprendedora. Todo é felicidade, pero un día o malvado doutor Terrier rouba a nube e todo cambia, polo que Lara e Bunkaa comezarán unha viaxe por terra, mar e aire chea de perigos para tentar salvar Golulá.

Andrea Bayer dirixe esta montaxe, recentemente premiada como mellor espectáculo infantil na Feira Internacional de Teatro de Ciudad Rodrigo. Ademais da directora, compoñen o reparto Chisco Casteleiro, Santiago Alonso, Óscar Ferreira e Santiago Alonso.

Galitoon Productions naceu da man de Santiago Alonso, Andrea Bayer e Chisco Casteleiro, todos eles cunha gran experiencia no mundo do teatro e da televisión. Traballan principalmente coa técnica dos muppets, que mesturan con outras, e no mundo audiovisual. Golulá é a súa primeira posta en escena.

As dúas representacións de Golulá en Compostela foron presentadas polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, acompañado da directora de Galitoon Productions, Andrea Bayer.

Compartir: