CIDADE DA CULTURA

Sánchez Bugallo destaca a importante mobilización social a favor do proxecto da Cidade da Cultura

07/09/2007 Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou como "moi importante" a mobilización social en prol do proxecto da Cidade da Cultura. Na súa opinión, "máis alá de cuestións opinables", todas as manifestacións neste sentido "coinciden en que é irreversible e fundamental para Galicia e Santiago".

"Todos entendemos que, nun proxecto que superará probablemente os 400 millóns de investimento e do que a finais de ano estarán executados dous terzos, debemos centrar os esforzos no remate da obra na súa posta en valor". De aí, dixo, o compromiso institucional para "traballar activamente na súa defensa".

Nesta liña de compromiso coa Cidade da Cultura, Sánchez Bugallo anunciou que o luns 10 recibirá aos presidentes das asociacións "que impulsaron este movemento dende o punto de vista cidadán". Tamén haberá unha reunión da Mancomunidade da Comarca de Santiago. Estas convocatorias únense ao Pleno extraordinario do mércores 12, no que se aprobará unha declaración institucional de apoio, e á reunión do Consello Económico e Social e do Consello de Relacións Veciñais, coa Cidade da Cultura como tema monográfico.

O alcalde manifestou unha vez máis a súa "absoluta confianza no compromiso da Xunta coa Cidade da Cultura", pero indicou que "non parece xusto que o 99% das informacións sobre este tema sexan negativas". Para Sánchez Bugallo, "temos que por de manifesto que a Cidade da Cultura é un proxecto que hai que por en valor e que responde ao interese do conxunto dos cidadáns".

Compartir: