INFRAESTRUTURAS

A redacción dos proxectos das obras do convenio de travesías licitarse en outubro

07/09/2007 Unha vez autorizado polo Consello da Xunta o convenio entre a Consellería de Política Territorial e o Concello para a mellora de varias travesías de acceso a Compostela, unicamente queda por fixar a data da sinatura do mesmo. Deste xeito, segundo anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, está previsto que en outubro poida sacarse a licitación a redacción dos distintos proxectos.

Sánchez Bugallo lembrou que este importante convenio, que suporá un investimento autonómico de 10 millóns de euros, nace da solicitude formulada no seu día ao propio presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. O seu obxectivo é "ir completando a transformación urbana de Santiago naquelas vías nas que é máis necesario e máis representativas", indicou.

O convenio permitirá, por exemplo, mellorar o tramo entre o Pombal e a Ponte do Romaño. O alcalde apuntou que probablemente esta reforma se fará en dous proxectos diferentes: un para o tramo entre a Finca Vista Alegre e o Pombal, e outro no tramo restante ata a Ponte do Romaño.

Tamén se reformará a avenida de Castelao e mellorarase o tramo entre a rotonda do periférico da Rocha e Camiño Novo, cun tratamento neste caso semellante ao da entrada de Noia. Non obstante, Sánchez Bugallo afirmou que esta probablemente sexa a última obra en executar, no transcurso de 2010, unha vez que se remate o túnel que unirá o vieiro Antón Fraguas coa avenida de Lugo. A última obra contemplada no convenio é o acondicionamento das beirarrúas da avenida das Fontiñas, deterioradas dende a súa posta en marcha alá por 1989.

Outras obras
Unha obra non incluída no convenio, pero que afectará a outra travesía, é a do tramo entre a rotonda do Castiñeiriño e os Tilos, nos límites do termo municipal, que levará a cabo a Dirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial. O alcalde non descartou a participación económica do Concello neste proxecto para as obras de urbanización do contorno. Finalmente, é intención municipal mellorar a rúa de Basquiños e completar a entrada de Sar, obra esta que acometerá o Consorcio.

Compartir: