ALCALDÍA

O Concello apoiará o proxecto de Santiago Centro para implantar os serenos no Ensanche como plan experimental

07/09/2007 Os responsables da Fundación Santiago Centro mantiveron unha reunión co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e cos responsables de Seguridade Cidadá e de Promoción Económica, Marta Álvarez-Santullano e Xosé Manuel Iglesias. Analizado o estudo de viabilidade, Sánchez Bugallo manifestou o "interese" do Concello en levar adiante este proxecto, pero sempre "coma un plan piloto ou experimental nun período de dous ou tres anos".

En palabras do alcalde, este plan experimental permitirá ver "se interesa consolidalo ou amplialo a outras partes da cidade", en función de factores como a participación social. Agora, apunto, queda encaixar esta iniciativa no debate orzamentario, en forma de subvención, e determinar como se concretará a colaboración municipal en materia de emprego ou seguridade. O obxectivo de que este tema poida quedar pechado antes de finais de ano.

Pola súa parte, o presidente de Santiago Centro, José María Fernández, agradeceu o apoio municipal e expresou que "este é un proxecto que hai que facelo ben e só podemos sacalo adiante co apoio de veciños, comerciantes e hostaleiros". Ademais, apuntou que a achega económica privada é "asumible".

O proxecto de Santiago Centro quere tomar como modelo o de Xixón, onde funciona dende 1999. As funcións dos serenos serían de vixilancia e de apoio ante calquera emerxencia, así como de información turística. Na cidade asturiana, uns 2.700 establecementos pagan unha cota para manter este servizo. O alcalde manifestou que quizais sexa conveniente que unha delegación compostelá acuda á cidade asturiana para estudar en profundidade o seu modelo.

Compartir: