INFRAESTRUTURAS

Investimento de 10 millóns de euros para mellorar os accesos a Santiago

06/09/2007 O Consello da Xunta autorizou un convenio de colaboración entre a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para a realización de diversas actuacións de mellora dos contornos urbanos nos accesos a Santiago de Compostela, con motivo da celebración do Ano Santo 2010. A Administración autonómica achegará 10 millóns de euros en catro anos para estas obras.

As actuacións centraranse nos accesos viarios da cidade, como son a estrada dende a ponte do Romaño ata a rúa do Pombal, dende o Camiño Novo ata Volta do Castro, a avenida Castelao e a avenida das Fontiñas.

As actuacións de mellora inclúen unha nova pavimentación rodada, a construción e acondicionamento das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a implantación de servizos urbanísticos e a dotación de mobiliario urbano. Estas obras teñen como obxectivo cubrir as necesidades de acceso á cidade da multitude de visitantes que se agardan para o vindeiro ano Xacobeo.

O Concello de Santiago tamén colaborará no financiamento destas actuacións cunha achega de catro millóns de euros e, ademais, encargarase de realizar os documentos técnicos que sexan necesarios.

Compartir: