PROMOCIÓN ECONÓMICA

Últimos días para participar no Concurso de Imaxinación máis Comercio

06/09/2007 Os establecementos comerciais de Santiago teñen de prazo ata o 10 de setembro para presentar os seus proxectos ao Concurso de Imaxinación máis Comercio (I+C), organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. O seu obxectivo é premiar o esforzo innovador no pequeno comercio, achegando medios financieiros para que os estabelecementos comerciais podan desenvolver estratexias personalizadas de comunicación e mercadotecnia.

Este ano o certame conta con tres premios en metálico de 5.000, 2.500 e 1.000 euros, o que supón un orzamento global de 8.500 euros. Unha cifra un 325% superior á do 2006, ano en que se estableceu un único premio de 2.000 euros. A contía económica terase que destinar á realización dos proxectos gañadores e deberase xustificar mediante facturas. Os premios nunca poderán acadar o 100% do orzamento dos proxectos a executar, debendo facer o beneficiario unha achega propia de, cando menos, o 10%.

Os comercios poden presentar proxectos de campañas de difusión e promoción comercial, deseño de novas imaxes corporativas, proxectos de reforma para a rotulación, iluminación ou decoración de interiores ou calquera outra caste de iniciativas que permitan mellorar a visualización da oferta comercial de Compostela. Os proxectos gañadores deberán executarse no 2007. As bases posibilitan que se presenten proxectos xa realizados este mesmo ano.

No Concurso de I+C poden participar de balde todos os estabelecementos comerciais de Santiago. A información relativa ao certame atópase na páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org. Na web están colgadas as bases, a instancia e o modelo de memoria necesarios para formalizar a solicitude de participación.

O xurado valorará especialmente a orixinalidade, ambientación, eficacia da mensaxe publicitaria e a innovación e cambio operado na imaxe e estado do establecemento co proxecto de I+C. Está previsto que antes do 16 de setembro se coñeza o nome dos estabelecementos premiados. O gañador do ano pasado foi a tenda de moda Zürich SCQ.

Compartir: