CIDADE DA CULTURA

Os tres grupos municipais poñen en común o seu compromiso en defensa da Cidade da Cultura

06/09/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o primeiro tenente de alcalde, Néstor Rego; e o líder da oposición, Gerardo Conde Roa, mantiveron unha xuntanza na que ratificaron o apoio dos tres grupos municipais ao proxecto da Cidade da Cultura. Neste sentido, o mércores 12 de setembro celebrarase un pleno extraordinario no que se plasmará este apoio cunha declaración institucional.

Sánchez Bugallo anunciou tamén a convocatoria conxunta do Consello Económico e Social e do Consello de Relacións Veciñais para o 17 de setembro, nos que tamén se tratará esta cuestión. Ademais, manifestou a "participación, apoio e defensa a calquera iniciativa da cidadanía que coincida cos fins expresados". Estes son, dixo, "o remate do proxecto arquitectónico nos prazos previstos: a inauguración dos catro primeiros edificios e a posta en funcionamento da Cidade da Cultura no primeiro semestre de 2009, e o remate das obras en 2012".

Pola súa parte, Néstor Rego afirmou que "é positivo que haxa coincidencia, máis alá dos matices que poidamos ter, en que as obras da Cidade da Cultura se rematen nos prazos previstos". Defendeu o "respecto ás decisións adoptadas neste tema pola Xunta e polo Parlamento de Galicia", a posta en marcha do proxecto e que este sirva "para o desenvolvemento da cultura galega e para o desenvolvemento de Galicia e da nosa cidade".

Finalmente, Gerardo Conde Roa referiuse á Cidade da Cultura como "un equipamento básico para a cidade e para a proxección de futuro da cidade". Neste sentido, demandou a "posta en valor" do complexo e a "implicación da cidadanía" no mesmo. "É importante –dixo– defender o proxecto no seu conxunto e que se vexa que hai unidade de acción".

Compartir: