TURISMO

Incolsa asina un convenio con Travelplan para promocionar Santiago

21/06/2005 A empresa municipal de Turismo e o turoperador Travelplan, que comercializa voos directos da compañía Air Europa coas Illas Canarias e Baleares desde o aeroporto de Lavacolla, subscriben un convenio para promover a viaxe a Compostela entre o público insular e afianzar a imaxe da cidade como destino de turismo cultural.

O obxectivo do convenio é aproveitar os 11 voos directos –14 en verán- que conectan semanalmente a Lavacolla con Canarias e Baleraes, para crear paquetes capaces de atraer aos viaxeiros insulares a Santiago de Compostela, que será promovido como destino cultural para estancias longas.

O acordo foi asinado este martes no Concello de Santiago por Luis Mata, subdirector xeral de Travelplan, e o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, en presencia do concelleiro de Turismo, Francisco Candela; o delegado de Travelplan en Galicia, Eulogio García, e José Oreiro de Viajes Viloria, adxudicatario do servizo municipal Compostur.

O convenio estabelece que Travelplan -turoperador de Halcón Viajes e membro do Grupo Globalia- comercializará paquetes turísticos de prezo competitivo con aloxamento por 7 noites e voo directo desde Canarias e Baleares a Santiago de Compostela.

Pola súa parte, Turismo de Santiago, a través da marca Compostur, xestionará prezos vantaxosos cos hoteis de Santiago e deseñará unha oferta complementaria á estancia, que incluirá visitas guiadas e excursións radiais pola comunidade galega, ademais do uso opcional doutros produtos turísticos da cidade.

Turismo de Santiago tamén engadirá á oferta de Travelplan unha serie de agasallos e complementos para motivar a viaxe, e un operativo de receptivo que proporcionará transfer aeroporto-hotel-aeroporto para grupos.

Como medida de apoio á comercialización do paquete turístico de Travelplan, creouse un plan de promoción que prevé presentacións do destino en Palma de Mallorca, Tenerife e Gran Canaria; a edición dun folleto informativo e a programación de viaxes de familiarización a Santiago de Compostela, nos que participarán directores comerciais e xerentes das axencias minoristas e xornalistas das illas.

Segundo o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, a importancia deste convenio radica na posibilidade de recibir turistas desde as illas durante todo o ano, especialmente en temporadas media e baixa, para as que se xestionarán prezos especiais. O programa estimula ademais a pernoctación en Santiago de Compostela, facendo énfase na centralidade da capital galega e o seu carácter de eixo e punto de partida para coñecer o resto da comunidade autónoma.

Compartir: