CONSORCIO

O Consorcio de Santiago prorroga ata o 31 de decembro a mostra "Santiago dC"

05/09/2007 O Consorcio de Santiago decidiu prorrogar ata o 31 de decembro a exposición que, co título de "Santiago dC", está aberta na sede do antigo Banco de España. Este período de ampliación coincidirá deste xeito coa cesión definitiva do edificio por parte do Ministerio de Economía e Facenda ao Consorcio o 1 de xaneiro de 2008.

O mércores 12 de setembro será adxudicada a redacción do proxecto de reforma do edificio que o converterá no futuro Museo Nacional de Santiago e das Peregrinacións tras unhas obras que terán un custo aproximado de tres millóns de euros.

Dende a súa inauguración o 25 de abril, con motivo do XV aniversario da creación do Consorcio de Santiago, máis de 53.000 persoas achegáronse ata "Santiago dC", unha mostra que reflicte a relación existente entre a memoria da cidade e o seu futuro, a relación entre o pasado e os proxectos que a transformaron e ampliaron. Na mesma liña foi a mostra precedente de "Intramuros", que serviu para dar a coñecer o mundo interior dos conventos de clausura de Santiago a máis de 130.000 visitantes.

Visitas guiadas
Co obxecto de complementar a súa difusión no campo formativo, o Consorcio de Santiago, en colaboración co Concello a través da Concellería de Educación, vai desenvolver un programa de visitas guiadas para escolares e adultos. Trátase dunha iniciativa, que polo propio carácter didáctico da exposición, resultará útil non só para os educadores que traballan tanto no ensino formal (dende os centros de educación infantil ata os centros de educación secundaria), senón tamén para os integrantes da rede de centros socioculturais, educación para o tempo libre, educación de adultos, colectivos de discapacitados, etc. A finalidade non é outra que contribuír ao coñecemento da cidade e lograr un maior respecto e admiración polo noso patrimonio urbano.

Este programa de visitas gratuítas ofrecerá, pois, a posibilidade de contemplar a exposición na compaña dun guía que amose aos visitantes a transformación experimentada por Compostela desde un punto de vista didáctico e ilustrativo.

Neste contexto, o antigo edificio do Banco de España, estase a converter, como xa se comprobou co programa de visitas guiadas á exposición anterior de "Intramuros" entre o 13 de decembro de 2006 e o 16 de febreiro de 2007, nun centro educativo e cultural importante, auténtico xerme do proxectado Museo Nacional de Santiago e das Peregrinacións.

Compartir: