PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica selecciona novos alumnos para cubrir as últimas prazas do curso de eficiencia enerxética

04/09/2007 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo abre un novo proceso de selección para cubrir as últimas prazas que quedan para o curso de Eficiencia enerxética, automatización e xestión da enerxía na vivenda, que comezará o 11 de setembro. As persoas interesadas poden dirixirse ás oficinas da Concellaría ubicadas na porta 9 do Multiusos de San Lázaro, na Avda. Fernando Casa Novoa, número 20, de nove da mañá a dúas da tarde. Deberán traer o DNI, a tarxeta de paro e a tarxeta da seguridade social. Poden solicitar máis información no teléfono 981 542 493.

Cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Traballo, e polo Fondo Social Europeo, trátase dunha acción formativa de carácter experimental e complementaria do Plan FIP (Formación e Inserción Profesional). O curso foi programado atendendo á alta demanda laboral que existe neste campo, polo que é unha boa oportunidade para acceder ao mercado de traballo. O seu obxectivo é capacitar aos/ás alumnos/as nas medidas a implantar nun edificio para a mellora da súa eficiencia enerxética, así como levar a cabo auditorías enerxéticas e certificacións enerxéticas das vivendas.

Esta acción formativa está destinada a persoas desempregadas con titulación previa de FPR (Formación Profesional Reglada), FPO (Formación Profesional Ocupacional) ou enxeñerías en técnico industrial, técnico en electrónica, equipos electrónicos, técnico de sistemas microinformáticos, técnico de mantemento de equipos electrónicos, operadores de cadros e automatismos, auxiliares de montaxes electrónicos e enerxías renovables; ou ben experiencia profesional en electricidade, electrónica, instalacións de sistemas de automatismo nas vivendas, instalacións de sistemas de enerxía solar térmica, instalación en climatizacións, fontanería ou mantemento de equipos electrónicos.

O curso de Eficiencia enerxética, automatización e xestión da enerxía na vivenda conta con 15 prazas. A actividade formativa ten unha duración de 300 horas. Está previsto que comece o 11 de setembro e que se imparta entre as catro da tarde e nas nove e media da noite.

Compartir: