CULTURA

CICLO DE CINE MUDO (CON MÚSICA EN DIRECTO)

01/09/2007 Do 15 ao 19 de setembro. 21:00 horas
Teatro Principal

Sábado 15

Amencer, de Friedrich Wilhelm Murnau

Amencer (1927) é a obra chave do expresionismo coa que o alemán Murnau -acabado de chegar aos EUA- realizou toda unha invasión de talento e dominio técnico en Hollywood. Unha calidade artística pioneira e insuperable (un xenial crítico de cinema americano dixo que Sunrise -titulo orixinl do filme- desprega máis fantasía nos seus movementos de cámara que unha semana de MTV) ponse ao servizo da historia dun triángulo amoroso no que a infidelidade e a redención dispútanse o corazón dun home que debe escoller entre dúas mulleres. Unha historia universal.

Domingo 16

O presidente, de Carl Theodor Dreyer

Carl Dreyer foi a figura máis importante do cinema danés. Sempre tivo en mente desenvolver un proxecto sobre a vida de Cristo, morreu sen poder realizalo, mais deixou unha importante obra caracterizada pola procura de verdades espirituais e de unha admirable beleza.

O presidente (1919), é un filme sentimental que demostraba un precoz dominio dos primeiros planos das faces, característica fundamental de Dreyer na súa madurez; el dicía: "Todo o humano exprésase a través da cara, pois a cara é o espello da alma".

Luns 17

Luces da cidade, de Charles Chaplin

Luces da cidade (1931), é para moitos a mellor das grandes obras mestras de Chaplin. Un vagabundo fai amizade cunha fermosa vendedora de flores cega, despregando con ela toda a amabilidade que o pobre home lle pode dar. Tras salvar a vida a un multimillonario borracho, tentará usar esta nova relación para axudar á moza aínda máis, co obxectivo último de que se poida operar a vista. Chaplin no seu pleno e máis conmovedor esplendor.

Martes 18

O maquinista da xeneral, de Buster Keaton

O maquinista da xeneral (1927) é unha das películas máis famosas na historia do cine mudo. Buster Keaton, realiza un filme cheo de humor e situacións embarazosas, nunha cinta chea de comicidade, emoción e poesía.

Johnnie, un maquinista de ferrocarril namorado de Annabelle, debe salvala dos malos (do exército ianqui), que a teñen secuestrada en The General, a máquina de tren favorita de Johnnie. A película está baseada en un feito real sucedido durante a Guerra Civil americana.

Mércores 19

O rapaz, de Charles Chaplin

O rapaz (1921) foi a segunda película máis exitosa no seu ano de estra e nela destacou Jackie Coogan como co-protagonista e estrela infantil.

Unha muller londinense, sumamente pobre, vese na necesidade de abandonar ao seu fillo nunha casa de millonarios, aínda que por unha serie de circunstancias o neno terminará sendo coidado por un vagabundo que se converte así no seu pai. Cinco anos despois a nai, convertida unha popular cantante, quere recuperar o seu fillo, pero ambos, neno e vagabundo, tratarán de impedirllo.

Música: Correrá a cargo de varias formacións, con instrumentación en función do filme.

Prezo: 3 euros.

Compartir: