EDUCACIÓN

Preto de 100 rapaces participan cada día na edición de setembro da Escola Municipal de Verán

04/09/2007 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, realizou unha visita aos catro centros onde se desenvolve a Escola Municipal de Verán na súa edición de setembro. Entre 60 e 100 rapaces están a participar diariamente nesta convocatoria lúdica e educativa, a realizarse entre o 3 e o 7 de setembro.

A concelleira destacou a "moi boa resposta" de familias e rapaces a esta nova edición da Escola de Verán, unha oportunidade para "utilizar os espazos públicos que están pechados durante as vacacións" e para que os rapaces vexan a escola como "un sitio onde tamén se pode xogar. Ademais, apuntou que é unha boa maneira de "conciliar a vida laboral e familiar".

Esta edición de setembro da Escola ten lugar nos centros educativos de Fontiñas, Colexiata de Sar, Quiroga Palacios e Pío XII. Nesta orde visitounos Guadalupe Rodríguez, que lembrou as cifras da edición celebrada do 25 ao 29 de xuño. Entón participaron 1.252 rapaces, con medias diarias entre os catro centros de máis de 250 asistentes.

Toman parte na Escola rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Ademais, no CEIP das Fontiñas hai un espazo adaptado para nenos de 3 a 5 anos. Alí poden disfrutar de distintos tipos de actividades, como obradoiros de educación ambiental, artes plásticas, grandes xogos, actividades deportivas e xogos populares e tradicionais.

Compartir: