BENESTAR SOCIAL

O Concello achega 7.500 euros a tres entidades sociais para o desenvolvemento dos seus programas

04/09/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou tres convenios de colaboración cos presidentes da Asociación Galega de Lupus (AGAL), María Eugenia Escudero Prado; da Asociación Galega de Dano Cerebral "Sarela", José Balboa Ayán; e da Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental, Lorena Alvite; A institución municipal aportará un total de 2.500 euros a cada agrupación para que poidan poñer en marcha diversos programas.

O convenio asinado coa Asociación Galega de Lupus (AGAL) establece a colaboración municipal no Servizo de información e administración, que presta atención personalizada a toda persoa tanto afectados como familiares, que solicitan información tanto sobre o lupus como as actividades desenvolvidas por AGAL. A cooperación tamén se estende á edición da revista informativa "Papilio".

No eido dos programas sociosanitarios, traballarase na constitución de grupos de autoaxuda entre os afectados de Lupus que, dirixidos por un profesional da psicoloxía, contribúen a afrontar as situacións xeradas pola propia doenza. O programa ten unha duración de seis meses e desenvólvese nos Centro Sociocultural de Vite.

A Asociación Galega de Dano Cerebral "Sarela" empregará o montante económico establecido no convenio para financiar os custos do servizo de transporte adaptado necesario para a realización no Refuxio de Animais de Bando do "Taller de Coidado de Animais".

As persoas con discapacidade, e neste caso os afectados polo Dano Cerebral Adquirido, carecen de ocasións onde poder demostrar as capacidades que posúen e desempeñar tarefas que impliquen certo grao de responsabilidade, pola sobreprotección que exercen na maioría dos casos as familias no seu entorno. Este taller favorece a integración social das persoas afectadas e a sensibilización e coñecemento do mundo animal.

Por último, o convenio asinado coa Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental permitirá desenvolver unha ampla gama de programas e actividades culturais, artísticas, educativas, mediambientais, deportivas e sociais. Destacan os programas de iniciación á lectura ou ao cine, os talleres de artes plásticas ou expresión musical, os programas de informática e inglés, os obradoiros medioambientais e os programas de amigos, noites de marcha ou respiro familiar.

Ademais, a Asociación desenvolve outras actividades periódicas, como o Día Mundial da Saúde Mental, a celebración do Día das Letras Galegas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, a celebración do Día da Árbore neste mesmo centro ou a edición dun boletín coas actividades de Itínera e coas impresións dos usuarios e voluntarios.

Casa das Asociacións
Trala sinatura do convenio, o alcalde compostelán aproveitou para manifestar o seu "orgullo polas asociacións que traballan na cidade ao servizo dos demais". Nesta mesma liña de agradecemento pronunciouse a concelleira de Benestar Social, Mar Martín. Sánchez Bugallo referiuse tamén á importancia que para este tipo de asociacións terá a nova Casa das Asociacións, cuxa obra civil se agarda este rematada o 30 de outubro. O alcalde estima que se poderá abrir en xaneiro de 2008.

Compartir: