EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Verán botou a andar na súa edición de setembro en catro centros educativos

03/09/2007 A sexta edición da Escola Municipal de Verán botou a andar na súa edición de setembro. Organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coas diversas asociación da cidade, como Don Bosco, Asociación Galega para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Xuvenil Cruz Vermella e Fundación Fesán entre outros, desenvolverase nos CEIP de Fontiñas, Quiroga Palacios, Colexiata de Sar e Pío XII. Será do 3 ao 7 de setembro.

Esta iniciativa tenta rendibilizar os equipamentos escolares como un espazo de aprendizaxe no tempo de verán, onde os nenos e as nenas poidan expresarse libremente, relacionarse e compartir.

Entre os obxectivos que se pretenden alcanzar con esta proposta, salientamos o ofrecemento dun espazo de encontro e de lecer para os rapaces e rapazas, cunha oferta pensada especialmente para eles/as e para as familias, no tempo de vacacións. Os centros de ensino constitúen un referente idóneo para a posta en marcha do programa, polo seu equipamento, pola distribución territorial e pola seguridade.

A proposta de actividades da Escola Municipal de Verán constitúe unha oferta para o ocio e o tempo libre da cidadanía máis nova, nunhas datas en que as familias demandan novas propostas de dinamización para os seus fillos e fillas.

A inscrición nas actividades é libre e de balde e realizarase na secretaría da Escola de Verán dos CEIP. Para máis información os interesados poden poñerse en contacto co Departamento de Educación do Concello de Santiago. Tfno: 981 554 400/401 – dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

O martes 4 de setembro como é habitual, a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez Silva realizará unha visita institucional ás 11 horas, comenzando polo CEIP Fontiñas.

Documentos relacionados



Compartir: