PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica desenvolverá un curso sobre eficiencia enerxética

20/08/2007 A actividade formativa está dirixida a persoas desempregadas con coñecementos de electrónica, electricidade, fontanería ou sistemas microinformáticos. Os/as 15 participantes recibirán formación sobre eficiencia enerxética en edificios e sobre auditorías enerxéticas e certificacións enerxéticas nas vivendas.

A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo oferta o curso eficiencia enerxética, automatización e xestión da enerxía na vivenda, cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Traballo e polo Fondo Social Europeo. Trátase dunha acción formativa de carácter experimental e complementaria do Plan FIP (Formación e Inserción Profesional). Está destinada a 15 persoas desempregadas con nivel académico ou de coñecementos xerais de FPR (Formación Profesional Reglada), FPO (Formación Profesional Ocupacional) ou enxenerías en técnico industrial, técnico en electrónica, equipos electrónicos, técnico de sistemas microinformáticos, técnico de mantemento de equipos electrónicos, operadores de cuadros e automatismos, auxiliares de montaxes electrónicos e enerxías renovables. Outro requisito de acceso é o nivel técnico ou experiencia profesional en electricidade, electrónica, instalador de sistemas de automatismo nas vivendas, instalacións de sistemas de enerxía solar térmica, instalación en climatizacións, fontanería ou mantemento de equipos electrónicos.

Esta especialidade ten unha duración de 300 horas. O seu obxectivo é capacitar aos/ás alumnos/as nas medidas a implantar nun edificio para a mellora da súa eficiencia enerxética, así como levar a cabo auditorías enerxéticas e certificacións enerxéticas das vivendas. O curso, igual que todos os programados pola Concellaría que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias, foi seleccionado atendendo á alta demanda laboral que existe neste campo, polo que é unha boa oportunidade para acceder ao mercado de traballo.

O curso de eficiencia enerxética, automatización e xestión da enerxía na vivenda contempla formación nos seguintes módulos: Aforro e eficiencia enerxética, Técnicas de aforro da enerxía e uso eficiente da enerxía, Realización práctica dunha auditoría enerxética, Directiva europea 2002/91/CE (Eficiencia enerxética dos edificios), Xestión da enerxía, Sistemas de Control do Edificio e Aplicacións Prácticas. Os/as interesados/as poden informarse nas oficinas que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego ten na porta 9 do Multiusos de San Lázaro (Avda. Fernando Casa Novoa, número 20) ou no teléfono 981.54.24.93.

Esta actividade formativa tamén ofrece a posibilidade de realizar prácticas en empresas. Ademáis, as/os alumnas/os que asistan tanto a este curso como aos incluidos no Plan FIP pero que non logren insertarse laboralmente seguirán recibindo o apoio da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, podendo acollerse aos Itinerarios Persoalizados de Inserción Laboral a través dos que recibirán a orientación e a axuda precisa de titores especializados sobre cómo integrarse no mercado laboral.

Compartir: