CULTURA

O Principal programa un ciclo de cine gay e lésbico para contribuír á igualdade

17/06/2005 O Teatro Principal acollerá do o luns 20 ao domingo 26 de xuño un ciclo de cinema gay e lésbico no que se poderán visionar desde clásicos do sétimo arte como "Morte en Venecia", de Luchino Visconti ou "Querelle", de Fassbinder ata películas máis actuais, como "Sévigné", dirixida no 2004 por Anna Azcona.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou este ciclo xunto a Alfredo Saboredo, representante do Colectivo Gai de Compostela (CGC), que xunto ao Colectivo de lesbianas e bisexuais de Santiago (BOGA) organiza este ciclo. Néstor Rego sinalou que este ciclo de cinema preténdese contribuír a dar un "grande impulso social a favor da igualdade de dereitos" e responde á necesidade de amosar "o feito homosexual no mundo da arte, sempre oculto". O cinema, en opinión de Néstor Rego é un xeito de contribuír "á causa da igualdade real e efectiva". En canto aos criterios de selección dos filmes, afirmou que se tratou de escoller aqueles "máis significativos, desde os clásicos aos actuais".

Pola súa banda, Alfredo Saborido lembrou que CGC e BOGA levan organizando desde hai cinco anos este ciclo de cine, se ben este é o primeiro ano que o Concello de Santiago colabora na súa organización. Saborido afirmou que os membros do Colectivo Gai de Compostela están "moi contentos" e esperan que esta iniciativa "sente precedente" para realizar o ciclo de cinema en anos posteriores. Ademais, fixo fincapé na "significación especial" da presentación deste ciclo de cine "por estar á véspera da manifestación contra as vodas gays en Madrid" e pola proximidade do Día do Orgullo Gay, que Compostela celebrará o sábado 25 de xuño. Sinalou que "toda a homofobia que se vén manifestando non está regulada baixo ningunha lei", e que "por moito que estea agochada baixo a liberdade de expresión non pode ir en contra a liberdade das persoas", opinión á que se sumou Néstor Rego coa idea de que "a liberdade ou é total non é".

O ciclo abrirase o luns 20 coa mítica "Quérelle", considerada por moitos como o filme gay máis emblemático, e que o director alemán Rainer Werner Fassbinder rodou no 1982 baseándose nunha novela de Jean Genet. Outro dos filmes clásicos que se poderán ver neste ciclo é "Morte en Venecia", de Luchino Visconti.

Tamén está programada a emisión de "Sévigné (Júlia Berkowitz)", que narra as vicisitudes de Júlia Berkowitz, directora estrela do Teatro Público, cando decide poñer en escena unha obra sobre Madame de Sévigné, marquesa parisiense célebre polas súas Cartas á filla e de "Madame Sata", baseada na biografía deste personaxe que exerceu a súa liberdade vital e sexual polas rúas de Lapa (Río de Xaneiro). Outro dos puntos fortes deste ciclo é o documental "O celuloide oculto", dirixido por Robert Epstein no 1995, que fai un percorrido pola historia do cinema e analiza os mitos sexuais e a evolución das actitudes arredor da homosexualidade e aos roles sexuais, e conta con entrevistas a Tom Hanks, Susan Sarandon ou Gore Vidal, entre outros.

Direccións relacionadas



Compartir: