MÚSICA EN COMPOSTELA

A alcaldesa en funcións anima aos organizadores de Música en Compostela a seguir formando músicos vinculados a Santiago durante 50 anos máis

20/08/2007 Mar Martín recibiu no Pazo de Raxoi aos participantes na edición número cincuenta do curso internacional Música en Compostela. A esta cita, que xa é habitual dentro do programa do curso, asistiron os 125 alumnos matriculados, o director da escola, Antonio Iglesias, e o presidente, Gerardo Fernández Albor.

Música en Composta pecha as súas portas o vindeiro sábado, non sen antes acudir á tradicional cita na Casa do Concello. A alcaldesa en funcións manifestou a súa ledicia por recibir a 125 destacados alumnos musicais, que acoden a este curso despois de graduarse nalgunha escola superior de música. Martín salientou o carácter pioneiro e precursos destes cursos e a súa capacidade para perdurar no tempo. Así mesmo, invitounos a seguir traballando e fomentando a música en Santiago e reiterou o apoio do Concello compostelán nesta tarefa.

Pola súa banda, o presidente dos cursos, Gerardo Fernández Albor, renovou o seu agradecemento á cidade, que durante estes 50 anos foi testemuña pétrea dos curos, e manifestou a intención dos organizadores de continuar con este acto nos vindeiros anos.

Trátase esta dunha edición especial de Música en Compostela por cumprírense as súas vodas de ouro. Con este motivo, os organizadores prepararon nesta ocasión un programa repleto de concertos e conferencias de destacados intérpretes, como Montserrat Torrent ou Thoma Piel. Así mesmo, presentaron o terceiro volume da historia de Música en Compostela.

Dende 1957, este curso ensina música española a intérpretes e estudantes de todo o mundo, que complementan a súa formación con concertos en espazos singulares da cidade e de fóra dela. Polas súas aulas pasaron figuras tan destacadas como Montserrat Caballé, Xabier Montsalvatge, Enrique García Asensio ou Jesús López Cobos, entre outros.

Compartir: