FESTIVAL D´GORRA

Máis música, humor e malabares nas rúas de Compostela a cargo dos festivais D’Gorra e Feito a Man

20/08/2007 Comeza a segunda semana do Festival D´Gorra cun amplo abanico de actuacións nas diversas prazas do casco histórico compostelán. Entra as actividades programadas para pasar a tarde do luns temos ás 17:30 na Praza da Quintana o Show de Lupo; ás 18:00 na Praza do Toural invitaranos a bailar a actuación de Capuzzi & Stax; e media hora máis tarde, na Praza de Platerías, equilibrios e pallasada asegurada coa actuación de Maku Jarrak. Xa máis entrada a tardiña, ás 19:30 poderemos desfrutar na Praza da Quintana co humor, habilidade e malabares no espectáculo Manualidades; ás 20:00 no Toural haberá música en directo da man de Ciganí, e xa para rematar o día, ás 20:30 na Praza de Praterías, crítica social detrás dun nariz de pallaso coa actuación de Chacovachi.

O martes 21 continúan as risotadas e a música nas prazas santiaguesas da man de máis actuacións. A primeira delas, na que haberá teatro, humor e maxia, terá lugar ás 12:30 na Praza de Praterías con Los Últimos. Séguelle, xa pola tarde, o Show de Lupo, ás 17:30 na Praza da Quintana. Ás 18:00, Chacovachi despertará almas desprevidas coa súa crítica á sociedade actual. Media hora máis tarde, poderemos volver a desfrutar co humor de Manualidades na Praza de Praterías e ás 19:30 na Praza da Quintana aprenderemos técnicas circenses e coreografías musicais con Roi o Cagabolas. Para rematar este xornada de festival teremos na Praza do Toural ás 20:00 o espectáculo baseado na acción física e a comunicación cómica co público de Maku Jarrak, e ás 20:30, Ciganí sorprenderanos, na Praza de Praterías, coa sua actuación de música en directo.

Flamenco e música brasileira no Feito a Man
De Brasil chega Gandanagaia para facernos vibrar cos seus doces sonidos, será ás 20.30 do luns en Vía Sacra. Ás 22.30 na Praza de San Paio haberá Flamenco Jazz da man de Úlo Trio.

Para o martes, este festival ten programadas dúas actuacións máis. A primeira delas ás 20:30 na Calexa do Curro da Parra, onde poderemos desfrutar do mellor Jazz con Javier Constenla e "Improvía"; a segunda terá lugar na Praza de Gatos ás 22:30, onde Sergio Tannus nos fará vibrar co ritmo propio da música do Brasil.

Compartir: