CULTURA

Cabaré, aéreos e moita diversión nas prazas para pechar a primeira semana do Festival D’Gorra

17/08/2007 Conclúe a primeira semana do Festival D’Gorra cun amplo calendario de actividades nas praza do casco histórico compostelán. O cabaré, os espectáculos aéreos e un bo número de artistas poñen a nota de cor e divertida na fin de semana.

Entre as actividades especiais, o sábado 18, ás 20:30 horas e en Praterías, repetiranse os Cabarés de Pistacinco, un espectáculo de variedades onde as compañías participantes ofrecen o mellor deles. Ademais, tanto o sábado 18 coma o domingo 19, volverán os aéreos ás prazas.

As actuacións previstas para o sábado 18 comezan ás 12:30 horas en Praterías co Circo Escarranchado, unha varieté de números ao máis puro estilo de circo, pero sen carpa, con clown, malabares, contact e lume. Xa pola tarde, ás 17:30 horas, na Quintana, tomará o relevo Djammal, con Clown no popping. O seu é unha caixa de sorpresas con circo, teatro, clown, brak dance, linguaxe xestual e malabares.

Tamén actuará o sábado Rudie Dudie, que trae o espectáculo Clowntamination. É un clown tenro e divertido, participativo e de cooperación. O home máis forte do mundo come obxectos incomestibles e invita ao público a axudarlle co imposible. A continuación, vez para Circanelo, un clásico xa no Festival D’Gorra, coa súa mestura de teatro xestual, danza, acrobacia, malabares e mimo.

Manku Jarrak representa Rim bom bam. Esta pallasa amosa un espectáculo baseado na acción física e na comunicación cómica co público. Como tamén comunicativo é Manik Freak con Manífrico, un percorrido do tenro ao absurdo que tocará a nosa natureza máis sensible, o noso neno interior.

Domingo 19
A xornada do domingo 19 abriraa pola mañá en Praterías a artista Isla. En Le triska inmóbile ofrece malabares, habilidade, perspicacia, velocidade mental e sobre todo tontería, moita tontería. Xa para comezar a tarde, Cacovachi debuta nesta edición. O seu é unha crítica social detrás dun nariz de pallaso. Haberá malabares, maxia, equilibrios e globoloxía.

Outro clásico, Roio o Cagabolas demostrará as súas habilidades circenses con maxia, humor, coreografías e a participación do público. A continuación, outra primeira actuación, a de Los Últimos, que representan Vagabunda, teatro de rúa con humor e maxia para contaxiar optimismo a toda a familia.

O domingo 19 repite nesta edición do Festival Manualidades. Humor, habilidade e malabares combínanse neste espectáculo para todos os públicos. E para pechar o día, nova actuación de Trasno, un dos máis completos artistas galegos do Novo Circo. Non faltarán malabares, acrobacia, humor, música, equilibrio e moita participación.

E xa para o luns 20 queda unha nova oportunidade para ver os espectáculos aéreos, e tamén para asistir aos obradoiros Circonove, con cama elástica, acrobacias e malabares entre as 17:00 e as 19:00 horas. Ademais, actuarán Djammal, Lupo, Capuzzi & Sta X, Maku Jarrak, Manualidades, Ciganí e Chacovachi.

Compartir: