PROMOCIÓN ECONÓMICA

O 31 de agosto remata o prazo para solicitar os incentivos a empresas de Promoción Económica

14/08/2007 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo destina 40.000 euros a incentivos para a creación de novas empresas en Santiago dentro do programa Compostela Activa 2007. O obxectivo do Departamento é axudar económicamente aos novos proxectos empresariais ou novos autónomos a consolidar os seus negocios.

Poden beneficiarse destas axudas as persoas físicas ou xurídicas que iniciaran a actividade entre o 1 de outubro do 2006 e o 31 de agosto do 2007 e que teñan a súa sede social, fiscal e de actividade no Concello de Santiago. A efectos do programa enténdese como data de inicio de actividade aquela na que a/o solicitante cause alta no IAE ou no censo de obrigados tributarios.

Cada proxecto empresarial poderá beneficiarse de ata 2.000 euros. Terán a consideración de gastos subvencionables os considerados como correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2007 nos seguintes conceptos: existencias iniciais de mercadoría, gastos de arrendamento de locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes e gastos de formalización de constitución da sociedade. O importe da axuda non poderá ser empregado con outros fins. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de agosto do 2007.

As bases pódense consultar no microsite adicado do programa Compostela Activa, que se atopa na web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org. Neste microsite tamén hai información sobre o Servizo de Apoio ao Emprendemento, as actividades formativas para persoas emprendedoras e as persoas interesadas poden inscribirse na II Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 23 de outubro.

Compartir: