PROMOCIÓN ECONÓMICA

Último mes de prazo para que os comercios se presenten ao concurso de I+C

09/08/2007 O 10 de setembro remata o prazo de presentación de proxectos para o Concurso de Imaxinación máis Comercio (I+C), organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Con este certame prémiase o esforzo innovador no pequeno comercio, achegando medios financieiros para que os estabelecementos comerciais poidan desenvolver estratexias personalizadas de comunicación e mercadotecnia.

Os comercios poden presentar proxectos de campañas de difusión e promoción comercial, deseño de novas imaxes corporativas, proxectos de reforma para a rotulación, iluminación ou decoración de interiores ou calquera outra caste de iniciativas que permitan mellorar a visualización da oferta comercial de Compostela.

No Concurso de I+C poden participar de balde todos os estabelecementos comerciais de Santiago. A información relativa ao certame atópase na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, www.maiscompostela.org. Na web están colgadas as bases, a instancia e o modelo de memoria necesarios para formalizar a solicitude de participación.

Este ano o Concurso de I+C conta con tres premios en metálico, fronte oa único premio de 2.000 euros do 2006. O primeiro clasificado recibirá 5.000 euros, o segundo 2.500 e o terceiro 1.000 euros. A contía económica terase que destinar á realización dos proxectos gañadores e deberase xustificar mediante facturas. Os premios nunca poderán acadar o 100% do orzamento dos proxectos a executar, debendo facer o beneficiario unha achega propia de, cando menos, o 10%. Os proxectos gañadores deberán executarse no ano 2007. As bases posibilitan que se presenten proxectos xa realizados neste ano.

O xurado valorará especialmente a orixinalidade, ambientación, eficacia da mensaxe publicitaria e a innovación e cambio operado na imaxe e estado do estabelecemento co proxecto de I+C. Está previsto que entre o 11 e o 16 de setembro se coñeza o nome dos gañadores. O gañador de 2006 foi a tenda de moda Zürich SCQ.

Compartir: