ALCALDÍA

Todos os aparcadoiros públicos en réxime de concesión cobrarán por minuto a partir de setembro

08/08/2007 Na súa última rolda de prensa antes das vacacións, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, informou que queda pendente de aprobación, para unha vindeira Xunta de Goberno no mesmo mes de agosto, a modificación do réxime tarifario dos aparcamentos públicos xestionados en réxime de concesión administrativa. En calquera caso, segundo dixo, a adaptación ao novo réxime de tarifas por minuto vai supor unha subida media dun 1,5% nos prezos.

A ratificación do cambio de tarifas queda pendente dun informe máis pormenorizado do técnico municipal responsable, dada a complexidade que supón o redondeo a céntimos dos prezos. En calquera caso, cando se aproben, as tarifas por minuto de estancia efectiva dos usuarios aplicaranse, a partir do 1 de setembro, nos aparcadoiros de San Clemente, Praza Roxa, Romero Donallo, praza de Galicia, praza de Vigo, Hórreo, San Caetano e A Rosa-Ponte Castro.

O custo do minuto de aparcadoiro dependerá dos minutos totais de permanencia, de xeito que a maior tempo, menor é o custo do minuto. Esta modificación adáptase así ao previsto na Lei de Mellora da Protección de Consumidores e Usuarios.

Encontro co ministro de Cultura
Preguntado pola súa reunión co ministro de Cultura, César Antonio Molina, o alcalde lembrou os asuntos abordados ao longo de máis de dúas horas o luns 6 de xullo. Así, confirmouse a participación do ministro na inauguración en decembro da nova Biblioteca Público, e cursóuselle invitación para que tamén tome parte en Curtocircuíto, certame que por primeira vez conta coa colaboración do Ministerio de Cultura.

No encontro tamén falou da Cidade da Cultura e da súa vinculación aos actos do bicentenario de Iberoamérica. Neste sentido, Sánchez Bugallo, apuntou a posibilidade de celebrar nas instalacións un cumio de xefes de Estado. Ademais, alcalde e ministro trataron o futuro do Museo da Cidade de Santiago, na antiga sede do Banco de España.

"Multamóbil"
Sánchez Bugallo referiuse igualmente ao tema do "multamóbil" e indicou que o Concello abordará a súa adquisición "cando se clarifiquen os problemas xurídicos" que o afectan. En calquera caso, non se mercaría este ano e quedaría para 2008.

Compartir: