PROMOCIÓN ECONÓMICA

Remata o prazo para cubrir a enquisa de formación para persoas emprendedoras

06/08/2007 O venres 10 de agosto remata o prazo para que as persoas emprendedoras poidan cubrir a enquisa que deseñou a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo co obxectivo de ofertar os cursos e os horarios máis demandados. A enquisa pode cubrirse na web da Concellaría, www.maiscompostela.org, no microsite dedicado ao programa de fomento da cultura emprendedora Compostela Activa.

As persoas interesadas poden escoller entre tres franxas horarias e nove cursos. As franxas horarias son de luns a venres e de 16:00 a 21:00 horas, de luns a venres e de 20:00 a 22:00 horas, e venres e sábados. Os cursos entres os que se pode escoller son Xestión de persoal, Xestión Tributaria, Contabilidade por módulos, Axudas públicas, Presentación de ofertas empresariais, Marketing e PEMES, Realización de presentacións en público, Habilidades para a venda e Atención ao cliente.

O curso máis demandado ata o momento foi Contabilidade por módulos, seguido de Presentación de ofertas empresariais, Axudas públicas e Xestión tributaria. O horario máis demandado foi o de luns a venres de 20:00 a 22:00 horas, elixido polo 66,7% dos participantes na enquisa. A continuación vén o de venres e sábado, elixido polo 20%. E por último o de luns a venres e de 16.00 a 21.00 horas, polo 13,3%.

A enquisa tamén ten un apartado para inscribirse na II Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 23 de outubro. Na primeira destas xornadas, celebrada o 12 de decembro pasado, inscribíronse 389 persoas, e nela colaboraron 15 organizacións públicas e privadas. As persoas que asistan a II Xornada Emprende en Compostela poderán participar en talleres relacionados co emprendemento e coñecer de primeira man a experiencia de emprendedores de éxito.

Ademais de informacións sobre actividades formativas e sobre a II Xornada Emprende en Compostela, no microsite de Compostela Activa pódese atopar información sobre o Servizo de Apoio ao Emprendemento da Concellaría de Promoción Económica, sobre o Concurso de Novas Ideas Empresariais e o programa de Incentivos para a creación de novas empresas en Santiago, dos que se facilitan as bases.

A Concellaría de Promoción Económica destina 40.000 euros a Incentivos para a creación de novas empresas en Santiago. O seu obxectivo é axudar economicamente aos novos proxectos empresariais a consolidar os seus negocios, subvencionando con 2.000 euros os gastos considerados como correntes e/ou de primeiro estabelecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2007. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de agosto.

O Concurso de novas ideas empresariais Compostela Activa 2007 recibiu 52 solicitudes de participación procedentes de 27 proxectos empresariais. O volume de inscricións incrementouse un 62,9% respecto á edición do 2006, á que se presentaron 17 proxectos. O prazo de presentación rematou o 14 de xullo.

Compartir: