INFRAESTRUTURAS

Adxudicadas as obras de urbanización da rúa Berlín, en Fontiñas

06/08/2007 A Xunta de Goberno adxudicou as obras de urbanización da rúa Berlín, en Fontiñas, por un importe de 1.599.630 euros e un prazo de execución de tres meses. As obras afectarán aos vieiros, ás beirarrúas e mesmo ao mobiliario. A principal novidade será a creación dun carril para bicicletas.

As obras afectarán a un ámbito de 7.426 metros cadrados de beirarrúas, moi deterioradas nalgúns casos polas raíces dalgunhas árbores de crecemento rápido. A urbanización permitirá crear beirarrúas de seis metros, cunha iluminación totalmente nova e moderna, e con bancos e papeleiras ao longo de toda a rúa. En canto á vexetación, plantaranse tilias, plátanos e magnolios.

Habilitarase un carril para bicicletas de dous metros de ancho ao carón das beirarrúas, separado da zona de peóns por uns setos. Unha balizas iluminarán o carril pola noite. Respecto a este novo carril, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que "neste mandato imos apostar polo carril bici, sobre todo nas novas urbanizacións". No caso doutras rúas tradicionais e de protección especial "estamos a estudar experiencias que fan compatible o tránsito de bicicletas cos vehículos".

Tamén se empregarán balizas para iluminar os seis pasos peonís que haberá na calzada. A mediana de separación quedará como unha zona verde con vexetación baixa.

Esta intervención permitirá tamén habilitar dúas illas de cinco contedores do lixo cada unha. Ademais, o alcalde lembrou que se fará o entroncamento entre a Rúa de Berlín e a que conectará co polígono número 4, onde se construirán 200 vivendas, coa conseguinte actuación a nivel de conducións subterráneas.

Unha vez rematada a rúa de Berlín, o Concello acometerá en breve a renovación doutras dúas rúas de Fontiñas seguindo un modelo semellante.

Compartir: