CULTURA

O Encontro de Malabaristas, as Galas Maraclown Solidario e a Clown Session, novidades na fin de semana de peche do Festiclown

03/08/2007 O Festiclown chega ao seu remate cunha fin de semana cargada de actividades. Ás seccións dos días anteriores únense sábado e domingo o II Encontro de Malabaristas, as Galas do Maraclown Solidario e a Clown Session. Así, na xornada de sábado tempo para gozar de novo co Maraclown polas rúas e, ás 19:00 horas, a primeira das galas do Maraclown Solidario. O Festiclown convoca estas galas por primeira vez co obxectivo de recadar fondos para a realización dunha nova caravana de Pallasos do Festiclown aos Municipios Autónomos Zapatistas de Chiapas (México). A Praza das Praterías será o marco no que os espectáculos de varios artistas de rúa e as contribucións do público á gorra sumaranse solidariamente a esta iniciativa.

Neste penúltimo día, o público tamén poderá gozar do mimo-clown de Marcelopuntomim na Praza de Fonseca ás 19:00 horas; de "Historias dun Baúl" de Azulkillas, á mesma hora pero no Toural; e dos galegos Picompé con "O Kasting" tamén no Toural, pero un pouco máis tarde, ás 20:30 horas. Na Mostra Internacional, esta xornada virá cargada con espectáculos tanto de interior como de exterior. Na rúa haberá dúas actuacións, ás 13:00 e ás 20:00 horas. Na primeira delas, Zancalino levará o seu espectáculo "Perigo: Zico, Zaca, Zuco..." desde a rúa San Francisco ata a praza do Obradoiro. Poderanse ver zanqueiros bailando, saltando á corda, sobre unha bicitámdem, nunha moto adaptada ou nuns zancos de dous metros. E xa pola tarde, chegan os belgas Badaleu`x, que combinarán danza e malabares nun novo formato ás 20:00 horas no Toural.

Na Mostra Internacional Interior ocasión de gozar das aventuras e desventuras da pallasa Pepa Plana a partir das 22:00 horas no Teatro Principal e, xa máis tarde, para pechar esta xornada do sábado, Clown Session, a gran festa da improvisación. É un convite aberto a todas aquelas persoas que lle queiran dar renda solta á súa imaxinación e expresividade ou amosar as súas habilidades de xeito libre e espontáneo. Será na Praza do Toural e, en caso de choiva, trasladarase ao Teatro Principal.

Xa o domingo, último día do Festiclown, volverá a haber Maraclown, cunha nova gala solidaria; clases abertas de Leo Bassi e a compañía Imprebís; Certame Intergaláctico cos andaluces Síndrome Clown; e Desclowntrol nas rúas, onde se poderá asistir ao espectáculo cómico de Novo Circo do galego Trasno, gañador do Certame Intergaláctico de Exterior do Festiclown 2006. Dentro da Mostra Internacional, no exterior oportunidade para ver a Badaleu´x de novo, e xa no interior péchase o Festiclown, por este ano, ás 22:00 horas, no Teatro Principal, coa maxia que sempre deriva en humor do Magic Andreu. O seu show entra a formar parte do novo deseño de concepción no mundo do espectáculo, onde comunicación, improvisación e a continua participación do público forman os bloques máis representativos. Magic Andreu, primeiro mago cómico español que creou escola no seu xénero, pon o broche de ouro a este Festiclown 2007.

II Encontro de Malabaristas
Tralo éxito da primeira convocatoria, en 2007, volve o Encontro de Malabaristas, lugar para o irmandamento do mundo dos pallasos e dos malabaristas, que compartirán diversión, convivencia, formación e risas nas rúas e teatros de Compostela. O sábado, logo de todo un día de obradoiros e demostracións malabares, celebrarase a Gala de Artistas de Circo ás 23:30 horas e a Renegade ás 01.00 horas, ambas na Praza do Obradoiro. E o domingo pecharase este encontro coa Olimpiada Malabar ás 12:00 e ás 13:00 horas. na praza da Quintana. O encontro consolídase así como unha das seccións fixas da programación do festival.

Compartir: