CULTURA

Leo Bassi presenta a súa polémica obra "La Revelación" no Auditorio de Galicia

02/08/2007 O Festiclown, festival organizado pola concellaría de Cultura, continúa coas súas pallasadas pola cidade. Na xornada do mércores 1, todos os espectáculos foron un éxito a pesares de que o clima non axudou moito. Así, o Festiclown mantivo todas as súas actividades agás os zancudos que o xoves 2 xa puideron saír á rúa sen problema. Tamén na xornada do mércores, o inglés Fraser Hooper inaugurou os espectáculos da Mostra Internacional no Teatro Principal cun cheo total e, trala súa actuación, Lucas Trapaza abriu o Certame Intergaláctico de Interior con máis de 300 butacas ocupadas.

O venres 3, o polémico e comprometido bufón Leo Bassi, un dos padriños do Festiclown, presenta a súa obra "La Revelación" no Auditorio de Galicia ás 22:00 horas, un espectáculo máis dentro da Mostra Internacional. Nesta mesma xornada, oportunidade para gozar do Clown-Off no Pub Dado-Dadá, onde artistas e compañías participantes atoparán un lugar incomparable para presentar os seus espectáculos nun marco idóneo para favorecer a estreita relación e a comunicación directa co público. Un espazo singular para difundir e apoiar novos proxectos artísticos.

Ademais, poderase vivir unha xornada máis do Maraclown, do Desclowntrol nas rúas, así como da demostración do aprendido estes días polos alumnos e alumnas do Formaclown. No Certame Intergaláctico verase aos galegos Peter Punk e Picompé no Toural, ás 19:00 e 20:30 horas respectivamente, e aos cataláns Las pestañas ás 23:30 horas no Teatro Principal. E no apartado do Fondoclown Solidario, que se celebra na Fundación Caixa Galicia, tempo para escoitar a charla pallasa de Jesús Jara. Co nome de "A función social do Clown", este pedagogo teatral, pallaso, actor, director e autor do libro "El Clown, un navegante de las emociones", falará sobre a función da risa e a súa relación coa vida.

Compartir: