EMPREGO

O servizo de Perruquería e estética para persoas dependentes atendeu 2.530 solicitudes en oito meses

02/08/2007 O servizo de Perruquería e estética para persoas dependentes, da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, atendeu 2.530 solicitudes dende o seu inicio en decembro do 2006. O servizo está atendido por catro especialistas e ten un carácter gratuíto. Nos seus primeiros oito meses atendeu a 720 persoas.

A maioría das persoas que solicitan o servizo son mulleres. Das 2.530 solicitudes que se atenderon, 2.480 foron de mulleres e 50 de homes. Por idades, o grupo que máis demanda o servizo é o das persoas maiores de 65 anos. Os servizos máis solicitados polas mulleres foron cortar, secar e tinte, mentres que polos homes foron pedicuras, manicuras e masaxes. No 75% dos casos, o servizo préstase no propio domicilio do usuario. No outro 25% dos casos préstase en diferentes entidades: Agadea, Sarela, Residencia San Marcos, De oito a oito, O tempo é noso, Abuelas Pontepedriña, María Montana, Aspas e Xubilados de Fontiñas.

O servizo de Perruquería e estética para persoas dependentes ten como obxectivo fomentar unha demanda deste tipo de servizos, que constitúen novos xacementos de emprego. Co mesmo obxectivo, desde a Concellaría de Promoción Económica e Emprego, a través do Proxecto Persoa III, fórmase a colectivos con dificultades de integración laboral mediante a súa participación nun proceso integral de inserción en especialidades centradas no sector servizos de atención a persoas maiores, nenos e discapacitados, como o curso de Especialista no coidado da imaxe persoal e estética a persoas maiores e/ou dependentes.

A Concellaría, ademais deste servizo de perruquería, ofrece outros dous servizos gratuítos: o de Desenvolvemento infantil e atención temperá nos centros de educación infantil e o de Apoio á eliminación de barreiras para a inserción socio-laboral. O primeiro consiste no desenvolvemento de accións de información e formación destinadas a pais, nais e familiares que contribúan na integración social e escolar da nena ou neno que presente trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen o risco de padecelos. O segundo é un programa experimental a través do que se prestan servizos eventuais e de carácter extraordinario a persoas dependentes, como levar os nenos á escola, acompañar aos maiores ao médico, coidar a un familiar enfermo, etc. Pódense solicitar os seus servizos directamente nas instalacións da rúa Hórreo, 100, ou a través do teléfono 981 568 752.

Compartir: