ALCALDÍA

Touriño comprométese con Bugallo á creación dun foro para preparar o Xacobeo 2010

01/08/2007 A celebración do vindeiro Ano Santo de 2010 e a necesidade de crear un foro para coordinar o traballo entre Estado, Xunta e Concello, a mellora da financiación da Capitalidade, a Cidade da Cultura e o estado das infraestruturas da área urbana de Santiago centraron o encontro entre o alcalde da capital galega e o presidente da Xunta.

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha audiencia co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a que lle solicitou o seu apoio de cara á preparación do Xacobeo 2010, tanto a nivel institucional como financiero. Ademais do impulso á creación dun foro de preparación do Ano Santo, o presidente da Xunta e o alcalde falaron da posible celebración dunha reunión do Real Padroado da Cidade de Santiago antes de que remate o 2007, a fin de validar as propostas nacidas da Comisión de Coordinación Concello-Xunta-Estado.

Así mesmo, no encontro o mandatario galego comprometeuse a apoiar ao Concello na súa pretensión de ampliar os límites do ámbito da cidade declarada Patrimonio da Humanidade, de xeito que se puidesen incorporar zonas como as de Monte Pío, en Galeras, ou as Brañas do Sar, que incluirían a Cidade da Cultura. Este proceso de ampliación podería estar rematado en 2010.

Bugallo sinalou que a definición dos contidos da Cidade da Cultura é o que garantirá que sexa un proxecto "de Galicia para o mundo" que a convirta "nun referente para toda Europa e América". O alcalde confía na "total sintonía" que existe entre as dúas administracións para que o proxecto do Monte Gaiás sexa "referencia para toda España, Europa e Iberoamérica", agradecendo á Xunta a súa aposta, que supón "un enorme esforzo e sacrificio". Bugallo espera que en 2009 teña lugar a primeira apertura da Cidade da Cultura, se ben a clave "non poden ser os prazos". Tamén fixo fincapé en que a Cidade non pode ser un "desván", onde recaia "todo o que non saiban onde colocar", xa que "desvirtuaría o contido", se ben estas decisións "corresponden á Administración", dixo.

Infraestruturas
Na reunión, Touriño e Bugallo fixeron repaso ás infraestruturas de acceso á cidade postas en marcha. A respecto do terceiro carril da autopista AP-9, Touriño asegurou que Política Territorial está a traballar para que estea rematado "para o próximo Ano Santo". Así mesmo, Bugallo amosouse satisfeito porque a finais de setembro estarán adxudicadas as obras da nova terminal de Lavacolla, de xeito que a finais de 2007 ou principios de 2008 se comezará a construír o novo aeroporto, confiando en que o proxecto estea rematado en 2010.

No encontro tamén trataron temas como o impulso ao Parque científico-tecnolóxico e a conseguinte implantación de novos centros de investigación e innovación, a financiación da Capitalidade para os vindeiros anos, o apoio ao transporte comarcal e ao comezo da construccón da autovía Santiago-Lugo e o compromiso para non modificar o trazado do AVE.

Touriño resaltou o "grao de cooperación e colaboración" do alcalde de Santiago para sacar adiante "grandes temas e proxectos compartidos" da capital de Galicia, que está a vivir "un gran momento" cun importante papel como "dinamizador" e "foco de referencia"

Compartir: