CULTURA

A universidade do clown europea abriu as súas portas con 280 prazas cubertas

31/07/2007 Comezou o Festiclown e fíxoo cos cursos do Formaclown, aos que xa se lle pode denominar a Universidade do clown europea. Abriu as súas portas con 280 alumnos, a cifra máis elevada da historia desta escola de formación. Os cursos continuarán ao longo de toda a semana e o público podera ser testemuña dos seus froitos, xa que os alumnos e alumnas farán demostracións do aprendido nas rúas e prazas da cidade. En concreto, o mércores 1 estarán os alumnos do curso de Claudia Contín a partir das 19:00 horas na Praza da Inmaculada.

Pero ademais do Formaclown, o mércores 1 poñense en marcha xa de moitas máis seccións do Festival Internacional de Clown de Compostela. A partir das 12:00 horas pallasos e pallasas do mundo comezarán a encher de maxia, humor e solidariedade a nosa cidade. Comezará o Maraclown ás 12, 13 e 14:00 h nas prazas das Praterías, Obradoiro e Toural e, xa pola tarde, ás 19, 20 e 21:00 h nas de Praterías e do Obradoiro. Ademais, haberá desclowntrol nas rúas co Bandaclown e a Animación Zancuda percorrendo a Cidade Histórica a partir das 12:00 e ás 13.00 horas.

Xa están á venda as entradas para os espectáculos da Mostra Internacional de Interior na taquilla do Teatro Principal. Ao longo de todo o luns 30 houbo unha notable actividade de venda e reserva de entradas para os espectáculos, o cal confirma o máis que previsible éxito da Mostra que comezará o mércores 1 co espectáculo "Strawberry" de Fraser Hooper ás 22:00 horas no Teatro Principal.

Pero ademais, a xornada do primeiro de agosto tamén trae o Certame Exterior e Interior, ambos con entrada de balde. No primeiro, que se celebra na Praza do Toural, poderase ver a Chacovachi (Arxentina) con "Cuidado!!! Un payaso malo puede arruinar tu vida" ás 19.00 horas, e a Malabreikers co espectáculo do mesmo nome ás 20:30 horas. E no Certame Interior, tempo para gozar co "ONOFF" de Lucas Trapaza ás 23:30 horas no Teatro principal.

Tampouco cómpre esquecer a parte máis solidaria do Festiclown, polo que ás 20:30 horas, na Fundación Caixa Galicia, proxectarase o documental "Pallasos sin fronteras: misión Sri Lanka 2005". Unha xornada moi completa e para todos os gustos que fará que Compostela comece a ser por unha semana, un ano máis, a capital mundial da risa e do humor.

Compartir: