PROMOCIÓN ECONÓMICA

O 31 de agosto remata o prazo para solicitar incentivos para a creación de novas empresas

30/07/2007 O 31 de agosto remata o prazo de presentación de solicitudes do programa de Incentivos para a creación de novas empresas Compostela Activa 2007, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Este ano o volume das axudas increméntase un 33%, pasando dos 30.000 euros do 2006, dos que se beneficiaron 29 proxectos empresariais, a 40.000 euros.

Poden solicitar esteas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que iniciaran a actividade entre o 1 de outubro do 2006 e o 31 de agosto do 2007 e que teñan a súa sede social, fiscal e de actividade no Concello de Santiago. O obxectivo destes incentivos é axudar economicamente aos novos proxectos empresariais ou novos autónomos a consolidar os seus negocios.

Subvencionaranse cun máximo de 2.000 euros os gastos considerados como correntes ou/e de primeiro estabelecemento. Terán a consideración de gastos subvencionables os considerados como correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2007 nos seguintes conceptos: existencias iniciais de mercadoría, gastos de arrendamento de locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes e gastos de formalización de constitución da sociedade. O importe da axuda non poderá ser empregado con outros fins. A contía poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables.

As bases pódense consultar no BOP da provincia de A Coruña do 12 de marzo do 2007 e no espazo adicado a Compostela Activa da web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org. Este ano as bases modificáronse con respecto ao 2006 para incorporar as boas prácticas e a experiencia de programas de fomento do autoemprego, como Equal Compostela Social, a través do que se levan constituídas 49 novas empresas.

Compartir: