ALCALDÍA

Caixa Galicia achega máis de 500.000 euros ao programa cultural da cidade

30/07/2007 O director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asinaron un convenio de colaboración entre a Fundación Caixa Galicia e o Concello para a realización de diferentes actividades culturais na capital galega.

O convenio establécese co obxectivo de desenvolver novos proxectos culturais da mellor calidade e diversidade, e renovar a frutífera colaboración que ámbalas entidades mantiveron nos últimos anos.

A Fundación Caixa Galicia achega 510.000 euros para o desenvolvemento da programación cultural da cidade. O Concello organizará e realizará directamente actividades por un importe global de ata 441.000 euros. O resto, 69.000 euros, corresponderá a actividades organizadas directamente pola Fundación.

A programación a desenvolver no marco do convenio comprende as máis diversas áreas culturais cubrindo un amplo abano de gustos e preferencias dos cidadáns. Entre estas actividades cabe subliñar: Sons da Diversidade, Compostela Festival - Apóstolo 2007, Día das Bandas, Teatro en xira ou Curtocircuito 2007.

A colaboración entre ámbalas entidades non se limita unicamente a actividades culturais senón que intensifica liñas de traballo conxuntas co obxecto de mellorar o tecido produtivo da capital de Galicia. Desta maneira, a Fundación Caixa Galicia apoiará a rede de cooperación local, programará actividades de fomento dos sectores produtivos e iniciativas sociais e formativas nos Centros Socioculturais.

Outras actividades da Fundación serán de apoio a iniciativas de promoción turística, a actividades relacionadas coa rodaxe de películas en Santiago e a elaboración de informes sectoriais por parte do Centro de Investigación Económica e Financeira da entidade crediticia.

Frutífera colaboración
No acto, Sánchez Bugallo agradeceu a Caixa Galicia o seu apoio reiterado durante os últimos anos, nos que vén "apoiando a cultura en Compostela", e grazas ao cal se poden levar a cabo "prestacións culturais de calidade e para públicos diversos". Neste sentido, recordou outro tipo de actuacións de Caixa Galicia en Santiago, como as relacionadas coa rehabilitación.

Pola súa banda, Xosé Luis Méndez amosouse moi satisfeito de poder rubricar un convenio que permite renovar a colaboración entre ambas as entidades e que "se prolonga no tempo dende hai moitos anos, ratificando o noso compromiso coa cultura galega e coa cidade de Santiago".

O director xeral de Caixa Galicia sinalou que este compromiso coa capital galega tradúcese nunha inversión socio cultural "que superou os 40 millóns de euros entre 2002 e 2006, con actividades que rexistraron máis dun millón de participantes". Ademais, aproveitou para anunciar que en breve ser porá en marcha a reforma da Aula de Cultura da entidade, en Carreira do Conde.

Compartir: