CULTURA

O Festiclown levará a risa e a solidariedade as rúas de Compostela con máis de 120 actuacións

27/07/2007 O luns 30 de xullo arrinca o Festiclown, Festival Internacional de Clown de Galiza, un dos eventos máis emblemáticos da nosa cidade que enche as rúas e as prazas de Compostela de risa e solidariedade cada primeira semana de agosto. O pistoletazo de saída darao o Formaclown, programa de cursos de formación do Festiclown, e xa o mércores 1 de agosto comezarán os espectáculos que se manterán na cidade ata o domingo.

Este ano, como novidade, está o nacemento de Estela, rede de Festivais de Maxia e Clown. É unha iniciativa de tres dos festivais máis destacados do estado español: O Festiclown de Compostela, a Fira Màgica de Santa Susana (Barcelona) e o Magiclown de Sant Josep (Eivissa). A rede nace coa vontade de promocionar de xeito conxunto os tres festivais traballando pola difusión de programas de maxia e clown, así como polo fomento do turismo e a cultura nas zonas dos tres festivais.

Xa falando dos espectáculos, celebrarase a Mostra Internacional, que se desenvolve no Teatro principal e no Auditorio de Galicia, e que permitirá gozar, entre outros, coas actuacións de Fraser Hooper, Pepa Plana, Zancalino ou Leo Bassi, que un ano máis se achega a Compostela para celebrar o Festiclown. Ademais da Mostra Internacional están as diferentes Clownvocatorias artísticas. O Maraclown ofrece as actuacións de diversas compañías ao longo de toda a tarde, ás 12, 13, 14, 19, 20 e 21:00 horas nas Prazas do Toural, do Obradoiro e das Praterías. Un espazo aberto no que o artista e o público casual poderán comunicarse directamente, facendo do pasar a gorra un xeito máis de facer cultura e da rúa un escenario máis. E no Certame Intergaláctico tempo para gozar dun bo número de compañías galegas, españolas e do resto do mundo presentando os seus espectáculos. Ademais, non debemos esquecer o Clown-Off que se celebra a madrugada do venres no Pub Dado-Dadá, que será o marco idóneo para favorecer a estreita relación e a comunicación directa entre artistas e público.

O Formaclown aumenta este ano o número de cursos ata os 13, converténdose nun dos eixes máis importantes do festival. Nesta escola formáronse xa máis de 1.000 persoas de todo o mundo e ano tras ano cóbrense a totalidade das prazas ofertadas. Nesta convocatoria, máis de 200 alumnos asistiran aos cursos impartidos por Jesús Jara, Leo Bassi, Magic Andreu ou Avelino González, entre outros. Os alumnos do Formaclown farán demostración do aprendido dentro do Desclowntrol nas rúas no que estará, ademais, o Bandaclown e a Invasión Zancuda.

Pero o programa do Festiclown é moi amplo e non remata aí. Aínda se poderá gozar coa Clown Session, festa da improvisación e convite aberto a todas as perosas que queiran dar renda solta á súa imaxinación a madrugada do sábado 4 na Praza do Toural, e co Encontro de Malabaristas que se repite logo do éxito da primeira convocatoria, no 2006. Obradoiros, participación nos diferentes espazos do Festiclown, a Gran Gala de Artsitas de Circo e a Olimpiada de Malabaristas na Quintana farán as delicias de paseantes de Compostela.

Compromiso
Tampouco cómpre esquecer que a esencia do Festiclown, ademais da risa e o humor, é a solidariedade. Por iso, todo o recadado neste Festival vai parar ao Fondoclown Solidario co que se puxeron en marcha diversas iniciativas de carácter social en Chiapas (Mexico) e Palestina. No marco da atmosfera solidaria do Festival haberá actividades como a exposición "Ropapostales" no Teatro Principal, a presentación por parte de Leo Bassi do libro de "La Revelación", a charla pallasa "A función social do clown" a cargo de Jesús Jara ou a proxección do documental "Payasos sin Fronteras en Sri Lanka 2005". Ademais, como novidade este ano celebrarase unha Gala Maraclown Solidario o sábado 4 e o domingo 5 na Praza das Praterías.

Do 30 de xullo ao 5 de agosto, polo tanto, Compostela será a capital do humor, da risa e do compromiso con este festival que organiza a concellaría de Cultura do concello de Santiago co patrocinio do Xacobeo e que xestiona Coperactiva Cultural. Unha semana para deixarse levar pola gargallada solidaria e gozar, un ano máis, dun dos eventos culturais máis importantes da nosa cidade.

Compartir: