FESTAS

Estrella Morente chega a Santiago para presentar a súa homenaxe ao mundo feminino

27/07/2007 A cantaora flamenca Estrella Morente presenta o sábado 28 en Santiago, o seu último traballo: "Mulleres". A cita será na Quintana ás 23:00 horas. Neste disco a cantante granadina rende unha homenaxe ás mulleres a través dunha ampla gama de sons e estilos, que inclúen alegrías, tangos, bulerías, soleás, tarantas e cancións clásicas. Arroupada por un gran cadro flamenco, de ben seguro non decepcionara aos que acudan a este concerto.

Outra cita importante na xornada do sábado é a celebración da I Ruta Xacobea da Prata de Automóbiles Antigos. 26 coches, a maioría deles galegos, chegarán a Santiago. O traxecto comezou en Cáceres, e xa en Astorga retomaron o Camiño Francés para chegar á capital galega, onde se reunirán con 15 vehículos máis.

90 persoas participan nesta volta, entre conductores, acompañantes e persoal da organización. A primeira parada en Santiago será en Hipercor, para ás sete da tarde comezar un percorrido polas seguintes rúas: Castiñeiriño, Pontepedriña, ronda de Galuresa, Romero Donallo, Rosalía de Castro, Xoán Carlos I, Porta Faxeira, rúa do Vilar e Praterías.

Ás oito da tarde terá lugar o concurso de traxes de época cunha exhibición ante o xurado para, posteriormente, concentrarse no Obradoiro. Os participantes vestirán traxes adecuados coa época do coche que conducen. Os vehículos van dende os máis vistosos da época de Alcapone, ata os clásicos deportivos da década dos 60, ao estilo de Elvis Presley.

O automóbil máis antigo é un Essex do ano 1918 e un Chrysler de 1922. Os máis modernos son un Morgan do 67, ademais de varios Chevrolet, Ford ou Jaguar.

Segundo sinala o presidente do Club Galego de Automóbiles Antigos, José Luis Blanco Nogueira, esta viaxe "representa unha cura de humildade, xa que nos cruzamos con multitude de peregrinos a pé e en bicicleta polo camiño, ademais de gozar da paisaxe".

Os obxectivos desta volta son: difundir a paisaxe interior e da xosta galega, como ruta cultural e turística alternativa; potenciar a idea de que Galicia é un lugar con paisaxes de extraordinaria beleza e, por suposto, achegar os automóbiles antigos, verdadeiras xoias históricas, ao público.

Compartir: