URBANISMO

Alugueres de 336 euros mensuais para as primeiras vivendas do Programa de Edificios Tutelados

27/07/2007 O Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa) aprobou a proposta de intervención no inmoble situado na rúa do Medio, 65, que se converterá así no primeiro en marcha do Programa de Edificios Tutelados. Este edificio será rehabilitado e Emuvissa asumirá a súa xestión por un período de 17 anos. Quedarán tres vivendas e un baixo, que serán alugados por 336 euros mensuais.

O custo da intervención será de 518.788 euros, dos que o Consorcio subvencionará 243.504 euros, que permitirán a rehabilitación dun inmoble de 165 metros cadrados útiles. Emuvissa está a traballar na inclusión doutros tres edificios no Programa. "Trátase de rehabilitar e, ao mesmo tempo, ofrecer vivendas a prezo asequible e permitir que outros sectores sociais accedan á zona histórica", indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O Programa de Edificios Tutelados contempla a rehabilitación de certos edificios moi deteriorados que precisan dunha intervención importante. O investimento realizado nestes edificios, despois da elaboración dun proxecto e dun estudo económico, recupérase a través da explotación do mesmo inmoble en réxime de aluguer. Logo da rehabilitación, quedará establecer os criterios para o acceso a estes alugueres, "nos que primarán a xente moza e con menos recursos", recordou o alcalde.

Compartir: