PLENO

A recuperación da antiga papeleira de Brandía permitirá completar a oferta hoteleira da cidade con servizos vinculados á auga

26/07/2007 O Pleno municipal aprobou definitivamente o Plan especial de protección e rehabilitación do conxunto fabril da antiga papeleira de Brandía, en Vidán. "Este proxecto vén a completar a oferta hoteleira de calidade na nosa cidade, ofrecendo servizos agora moi demandados, vinculados á utilización da auga como elemento terapéutico e de ocio", indicou a concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón.

A vella fábrica rehabilitada terá preto outros dous edificios e un contorno natural privilexiado. Este proxecto permitirá que se recobre a estrutura da vella fábrica de papel do XVIII para un hotel a carón do río Sar e que se recupere o seu rico contorno para os cidadáns.

Co Plan especial logrouse harmonizar todos os espazos deste conxunto, situado no Sunp-29, respectando o medio ambiente e recuperando para o uso un importante valor patrimonial. En palabras de Mercedes Roson, "o criterio de ordenación deste aproveitamento é a creación dun novo corpo acristalado que une a edificación existente (antiga fábrica) co corpo previsto de nova creación no Plan parcial, recuperando a traza orixinal de todo o complexo fabril".

Destacou que este Plan supón tamén "a desafectación dunha superficie de zona verde pública que se permuta ou se cambia cunha parcela prevista para gasolineira que agora se afecta a zona verde". Ademais apuntou que o seu espírito é "posibilitar a recuperación dunha edificación catalogada para o uso xa previsto (hoteleiro)".

Finalmente, a concelleira lembrou que este proxecto ten os informes favorables da Comisión Superior de Urbanismo, sobre os cambios con relación á ubicación das zonas verdes, o informe de Patrimonio, de Augas de Galicia, de Estradas, da Consellería de Medio Ambiente e da Consellaría de Ordenación do Territorio, así como dos técnicos municipais.

Sup-7 de Pontepedriña
O pleno municipal aprobou tamén o estudo de detalle dos quinteiros 1, 3 e 8 do solo urbanizable programado Sup-7, en Pontepedriña. Ademais, deu conta da designación dos grupos políticos municipais dos membros das comisións informativas, así como dos acordos da Xunta de Goberno de delegación de competencias.

Compartir: