FESTAS

O alcalde anima aos máis pequenos a seguir exaltando o traxe galego durante moitos apóstolos

26/07/2007 As Festas do Apóstolo viviron unha das súas citas máis tradicionais coa celebración do Día do Traxe Galego. Por vixésimo novena edición, as rúas da zona histórica enchéronse de xente ataviada co traxe e que participou activamente nas citas programadas. A recepción de honra no Concello foi especialmente numerosa e tivo nos máis cativos ás estrelas principais. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Domínguez, mostráronse especialmente satisfeitos pola animada presenza de rapazas e rapaces vestidos de galegos, que aseguran a celebración de tan especial evento durante moitos anos máis.

A xornada festiva comezou coa concentración na Alameda ás 11:30 horas. Logo, todos desfilaron polas rúas do Casco Histórico ata chegar á praza do Obradoiro. Como cada ano, a seguinte cita foi a asistencia á misa solemne na Catedral e a tradicional Ofrenda ao Apóstolo. A mañá pechouse cunha recepción de honra no Concello de Santiago.

Xa para a tarde quedaba a celebración do Certame do Traxe. Os participantes debíanse concentrar en Bonaval para percorrer de novo o Casco Histórico ata a praza da Quintana. Alí exhibición de traxes e entrega de premios ao mellor traxe antigo completo, ao mellor traxe de cotío e ao mellor traxe moderno.

Compartir: