OFRENDA

Dolores Villarino apela á convivencia e á concordia na Ofrenda ao Apóstolo

25/07/2007 A presidenta do Parlamento Galego, Dolores Villarino, solicitoulle ao Apóstolo o fin do terrorismo e fixo unha chamada á convivencia e á concordia como valores esenciais. Este foi dos temas de actualidade recollidos pola Delegada Rexia nunha ofrenda que tamén recordou cuestións como a violencia doméstica, a inmigración ou o futuro de Galicia.

Os actos da tradicional Ofrenda ao Apóstolo comezaron un ano máis co paso de revista ás tropas e co saúdo ás autoridades por parte da Delegada Rexia. A continuación, Dolores Villarino e o resto de autoridades asistiron á Santa Misa. No decurso da mesma, a presidenta do Parlamento pronunciou a súa ofrenda, que comezou lembrando unhas palabras de Castelao: "Se no abrente deste día puidéramos voar sobre da nosa terra e percorrela en todas as direccións, asistiriamos á marabilla dunha mañá única".

Así, nesta mañá única, Villarino referiuse á concordia como "o valor que mellor define a relación que entre as persoas se produce baixo o discorrer da peregrinación". Esta concordia, dixo, é "un valor esencial para combater a quen se empeña en sementar a discordia e acrecentar as diferenzas entre os pobos".

Neste contexto, apelou "ao fin do terrorismo, que figura desgraciadamente como unha das principais ameazas para a convivencia en paz". Nesta cidade, afirmou, "faise necesario un novo chamamento para evitar que a violencia se apropie de identidades políticas ou culturais ou se erixa en voz de relixións e fe, que nada ten que ver co odio".

No seu discurso tampouco faltou un recordo "ás guerras, algunhas inxustamente olvidadas, que continúan cobrándose cada ano centos de miles de vítimas e que deben ser obxecto prioritario do noso interese". Neste sentido, fixo un chamamento a emprender un camiño certeiro cara a paz: "Fronte a quen quere dividir, máis convivencia".

Europa, inmigración e violencia doméstica
Dolores Villarino tamén falou de Europa. "A ideoloxía integradora, que supón un dos proxectos políticos máis cobizosos coñecidos, fixo fracasar todos os intentos violentos, inxustos ou baseados na coacción para conseguir unha Europa capaz de rendibilizar todo o seu potencial".

Na súa lembranza aos máis vulnerables, houbo referencia aos maiores, aos nenos, aos pobres e aos discapacitados. E como non, a presidenta do Parlamento Galego acordouse da inmigración. "A fame e as necesidades impulsa a millóns de mulleres e homes a buscar os medios que lles permitan desenvolver as súas vidas con dignidade e a intentar aliviar a situación, en moitas ocasións dramática, na que se atopan as súas familias e seres queridos". Insistiu en que "sexamos todos conscientes da necesidade que temos de esforzarnos para que os inmigrantes poidan convivir en plena igualdade cos que os acollemos".

Outro tema de actualidade na Ofrenda foi "a violencia que se exerce dentro do fogar, especialmente contra as mulleres e os nenos, que require do noso esforzo para a súa erradicación". Nesta cuestión, salientou "a valentía das vítimas e a solidariedade dos cidadáns para denunciar a violencia, que permitiron avanzar polo bo camiño", aínda que, dixo, "queda unha gran tarefa por diante, que debe implicar a toda a sociedade".

Unha Galicia moderna e aberta
Na verbas dedicadas a Galicia expresou o seu desexo "de que teña unha longa continuidade o traballo colectivo dos galegos e das galegas, que supón o impulso desta Galicia moderna e aberta". Indicou que "Galicia ten demostrado nos últimos anos ser unha sociedade inqueda e curiosa, capaz de crear futuro". "Este avance –reiterou– lonxe de servir á autocompracencia debe de ser o estímulo para coller pulo e seguir pola senda do progreso e do traballo, cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e integradora".

Dolores Villarino pediulle ao Apóstolo que "a lingua sexa motivo de orgullo para todos os galegos e galegas, e que respectando a liberdade dos individuos, que cada vez sexan máis os mozos e mozas que incorporen o galego ás súas conversas cotiás e que cada vez sexan máis as nais e pais que, concienciados do seu papel, se comprometan na transmisión dunha riqueza que ten tantos anos como as pedras labradas que nos circundan".

No seu recordo aos emigrantes, "protagonistas dunha realidade social dura, pero que conforma unha característica esencial do noso pobo", animou a traballar "para que ninguén inicie un camiño ao lonxe contra o seu desexo". Na súa opinión, "fronte ás estampas de galegos abandonando a terra, somos agora lugar de acollida e de creación de traballo e riqueza.

O desemprego, a educación e a lembranza aos diversos colectivos completaron a lista de temas dunha Ofrenda que rematou cunha petición ao Apóstolo para que "as ideas e desexos expostos hoxe aquí sexan o estímulo que nos permita seguir o exemplos dos homes e mulleres preocupados polos demais, dispostos a entender e a comprender aos semellantes, dos que fan da paz, da liberdade e da convivencia os valores principais".

Respondeu á oferente coa súa homilía o Arcebispo de Santiago, Julián Barrio. Na mesma recordou tamén que "a fraternidade e a concordia son máis fortes que a morte, o odio, a insolidariedade e a violencia". Neste sentido, reiterou o seu desexo de que "unha convivencia fraterna se faga realidade en todo o mundo".

Recepción en Raxoi
Rematado o acto relixioso, a comitiva desprazouse ata o Concello, onde o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu á Delegada Rexia e ao resto de autoridades. Dolores Villarino asinou no Libro de Honra da cidade e realizou unha breve intervención no Salón Nobre, na que agradeceu á Casa Real o seu nomeamento como Delegada Rexia. "É unha honra para a institución que represento", engadiu.

Entre as autoridades presentes na Ofrenda, ademais da presidenta do Parlamento e do alcalde de Santiago, estaban o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; varios conselleiros da Xunta e diversas autoridades políticas, militares, xudiciais e académicas.

Documentos relacionados



Compartir: