FESTAS

Harmonía pirotécnica e audiovisual na noite compostelá

25/07/2007 As rúas e prazas de Compostela enchéronse con preto de 150.000 persoas na noite da véspera do Apóstolo. Todas elas puideron presenciar, dende a praza do Obradoiro e dende distintos puntos da cidade, o espectáculo de fogos, música e imaxes que serviu para dar a benvida ao día grande de Galicia.

As proxeccións sobre a Catedral, cun peculiar xogo de texturas, dando sensación de relevo, mesturáronse cun espectáculo pirotécnico nunha combinación harmónica e fluída. A iso contribuíu tamén a selección da música, que combinou música galega con grandes temas históricos.

Sobre a Catedral foron pasando imaxes que remitían ao público á Vía Láctea ou aos diversos puntos do Camiño de Santiago. Incluso a fachada do templo transformouse grazas ás luces en fachada doutras catedrais e centros de peregrinación, como as de Einsiedein (Suíza), Siena (Italia) ou Salisbury (Inglaterra).

Especialmente aplaudida foi a queima da fachada ao ritmo das notas do himno galego, cunha lembranza aos cen anos da súa estrea, que se cumpren neste ano 2007. Queimáronse máis de 600 quilos de pólvora.

Logo dos Fogos, composteláns e visitantes gozaron dunha longa noite, chea de animación pola rúa e complementada coa ampla oferta de espectáculos no marco das Festas do Apóstolo. Uns apostaron polos ritmos cubanos de Orishas na Quintana, outros pola particular homenaxe musical ás mulleres de The Ellas, o grupo de Luís Tosar, e outros preferiron achegarse ata a Alameda para gozar da orquestra Lamas ou das atraccións feirais.

Día de Galicia
A xornada do mércores 25 está chea de actividades pensadas para todas as idades. Desde os cabezudos e gaiteiros que animan as rúas da cidade, ata o concerto que ofrecerá a galega Susana Seivane na Quintana (23:00 horas). A artista presenta un espectáculo que durará arredor de 90 minutos e onde recompilará os seus mellores temas.

XXIX Día do Traxe Galego
Xa na xornada do 26, centos de persoas inundarán as rúas da cidade ataviados co tradicional traxe galego, na celebración do XXIX Día do Traxe Galego. A Asociación do Traxe Galego fai un chamamento a toda a cidadanía para que salgan as rúas vestidos cos traxes galegos, aínda que non participen nas actividades programadas.

Compartir: