FESTAS

Susana Seivane, ilusionada polo concerto que ofrecerá na Quintana o Día do Apóstolo

24/07/2007 O Día de Galicia ten unha cita musical ás 23:00 na praza da Quintana. Alí, a artista galega Susana Seivane presenta os seus mellores temas cun espectáculo que durará arredor de 90 minutos.

Bebendo das fontes tradicionais, o seu espectáculo está cargado de forza e dinamismo. A fusión de instrumentos alleos á tradición galega con outros que teñen gran importancia na súa banda como o tamboril ou o bombo tradicional, proporcionará cores e matices novos.

O espectáculo de Susana Seivane consta das pezas máis representativas dos seus tres álbumes discográficos editados ata o momento: "Susana Seivane", "Alma de Buxo" e "Mares de tempo".

Pezas de composición propia, de autores contemporáneos, arranxos innovadores de temas tradicionais e unha gran complicidade en todo momento co público fan do seu espectáculo unha fantástica viaxe polos ritmos e tradicións galegos.

A artista de Cambre, aínda que naceu en Barcelona froito da emigración, amosa a súa gran ilusión "por poder participar nas Festas do Apóstolo e, moito máis, no seu Día Grande". Ademais, Susana Seivane sinala que é a primeira vez que toca na Quintana, escenario máxico para calquer músico.

Susana Seivane promete que todos os que acudan ao concerto poderán participar "dunha gran festa, dun concerto con gran dinamismo, contundencia e participación do público". Ademais, promete que "haberá algunha sopresa".

Seivane estará acompaña pola súa banda habitual: Brais Maceiras Barreiro (Acordeón), Xurzo Iglesias (bouzouki), Kim García (baixo eléctrico), Carlos Gándara (batería e bombo tradicional), Carlos Freire (percusións latinas e tamboril tradicional).

Compartir: