FESTAS

Cita nas rúas co Día do Traxe Galego

23/07/2007 O concelleiro de Mocidade e Festas, Xosé Baqueiro; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Domínguez; e un representante do Centro Comercial Compostela Hipercor, Francisco Díaz, presentaron en rolda de prensa a vixésimo novena edición do Día do Traxe Galego, que terá lugar dentro do marco das Festas do Apóstolo o xoves 26 de xullo.

Pilar Domínguez fixo un percorrido pola historia desta celebración e lembrou a figura de José Luis Míguez, o gran precursor desta celebración. Ademais, destacou o crecemento que experimentou nos últimos anos a participación da xente, sobre todo, xente nova e resaltou que a Asociación intentará prestar traxes a todos os que queiran participar neste día.

Dende a Asociación queren facer un chamamento a toda a cidadanía para que o xoves 26 saian ás rúas ataviados cos típicos traxes galegos, aínda que non participen nas actividades programadas. Segundo sinala Pilar Domínguez, "non hai nada máis fermoso que impulsar a nosa propia cultura e tradicións; temos que ser defensores da nosa cultura".

O día comezará coa concentración na Alameda ás 11:30 horas, para saír máis tarde o desfile dende o seu paseo central. Percorrerá Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo. Ás 14:00 horas a Corporación Municipal ofreceralles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingos de Bonaval. O desfile dende aquí comezará ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Calderería, Orfas, Rúa do Vilar, Praterías, Congas e entrará na Quintana pola rampa de San Paio e Casa da Conga. O desfile continuará pola Quintana onde, ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios son: traxe antigo completo, traxe de cotío e traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos.

Compartir: