PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nacen catro novas empresas no marco do Equal Compostela Social

23/07/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou catro novas empresas xurdidas no marco de Equal Compostela Social: Carnicería Camilo, Ela Interiorismo, Estanco de Cornes e Paco Rocha: fotografía. Dende a creación deste programa de fomento do autoemprego, en novembro do 2005, constituíronse 49 proxectos empresariais.

Do total de empresas, 33 foron creadas por mulleres. 34 empresas naceron en Santiago, nove en Ames, catro en Val do Dubra, unha en Brión e outra en Vedra. O obxectivo da Concellaría é lograr a constitución de 50 novas empresas na Mancomunidade de Compostela.

Carnicería Camilo está na Rúa do Tambre, 45. Promovida por María Jesús Rodríguez Baña e Camilo Jerez Pérez, esta empresa está especializada en carnicería, charcutería e polería, aínda que tamén vende alimentos básicos no consumo diario, como pan, leite, derivados lácteos, etc. Ela Interiorismo é unha empresa de servizos promovida por Eva López Fernández. Está especializada na execución de proxectos de interiorismo e decoración, ofrecendo un servizo integral ao cliente que inclúe un seguimento completo do proxecto.

A terceira das empresas, Estanco de Cornes, está na rúa García Prieto, 2 e foi ideada por Mónica Boquete Ponte. O establecemento é un negocio familiar con máis de 75 anos de antigüidade, que xa vai pola terceira xeración, e que Mónica Boquete modernizou cunha ampliación da oferta de produtos, para adecualo aos novos tempos. Finalmente, Paco Rocha: fotografía, de Francisco Javier López Rocha, leva a cabo distintos servizos fotográficos, como fotografía publicitaria, fotografía de moda, reportaxes gráficos de carácter documental e de carácter social, fotografía clásica e de autor e servizos de formación fotográfica.

Fomento do autoemprego
Equal Compostela Social é un programa de fomento do autoemprego dirixido a desempregadas/os que pertencen a colectivos de difícil inserción: mulleres, mozos menores de 30 anos, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados, etc. A través deste proxecto ponse a disposición das persoas emprendedoras un servizo integral de asesoramento, formación e apoio durante o proceso de creación e consolidación da nova empresa.

As empresas xurdidas a través de Equal Compostela Social contan cun espazo propio de colaboración: a Rede de Cooperación Empresarial. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento de proxectos de cooperación empresarial que axuden ás iniciativas empresariais xurdidas ó abeiro do programa Equal Compostela Social a mellorar a súa competitividade e a manter unha posición sólida no mercado.

Esta colaboración é posible grazas ás diferentes actividades que desenvolven as empresas nacidas no marco de Equal Compostela Social: alimentación, cátering, estancos, pintura, albanelería, fotografía, herboristerías, centros de saúde, beleza e masaxes, xestión de cobros, marketing e publicidade, deseño de interiores, produción audiovisual, tendas de complementos, empresas de xestión do patrimonio cultural, talleres de belas artes, empresas de transporte, etc.

Compartir: