EDUCACION

Celebración do Día Mundial do Medio Ambiente

06/06/2005 O Programa de Educación Ambiental permite achegar aos escolares ao Proxecto Ríos.

Durante a mañá do venres 3 de xuño, un grupo de escolares de 5º de primaria do CEIP Colexiata de Sar tiveron a oportunidade de participar nunha serie de actividades con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.

Esta actividade forma parte do programa de educación ambiental que promove o concello de Santiago de Compostela, a través dos Departamentos de Educación e de Medio Ambiente e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza ( (ADEGA).

O obxectivo era promocionar a importancia hidrolóxica de Compostela e reflexionar sobre a necesidade de facer un uso racional da auga e os novos hábitos cidadáns. Os escolares coñeceron ,máis de preto, a saúde dos nosos ríos mediante un roteiro polo río Sar, cando pasa polo Paxonal. Poideron recoller mostras de especies vexetais, analizar o ecosistema acuático, a presenza de resíduos, a cor e cheiro da auga,…etc. para o que se lles facilitou material didáctico e fichas de campo do Proxecto Ríos (www.proxectorios.org).

O Proxecto Ríos pretende incidir na importancia dos cursos das augas, das súas marxes, dos bosques de ribeira, da súa fauna e flora, así como da problemática que viven os ríos na actualidade e as solucións polas que cómpre apostar. Estes obxectivos son o punto de partida deste proxecto, aberto á participación activa e responsábel da cidadanía no seu conxunto.

Así mesmo o domingo 5 de xuño, coincidindo coa celebración do XXV Aniversario do CEIP Colexiata de Sar un totall de 25 árbores, cedidos pola Concellaría de Parques e Xardíns, foron plantados no parque dese Centro.

Compartir: