FACENDA

O Concello e o Colexio Oficial de Xestores Administrativos colaborarán para impulsar a xestión tributaria electrónica

23/07/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, vén de asinar un convenio co delegado da provincia da Coruña do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, Luis Rivera Caramés, que establece un sistema de colaboración entre a administración tributaria do Concello e o Colexio.

Deste xeito, a Administración local impulsará a utilización das novas tecnoloxías no ámbito tributario. Así, poñerá en marcha, de xeito progresivo, un sistema de xestión tributaria en web, que se iniciará co imposto sobre vehículos de tracción mecánica e continuará co imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (plusvalías). Logo seguirase ata conseguir a xestión electrónica da totalidade dos ingresos municipais.

Pola súa parte, o Colexio de Xestores asume o compromiso de presentar e remitir telematicamente ao Concello autoliquidacións, declaracións, e calquera documento con transcendencia tributaria, previa autorización do obrigado tributario.

A este convenio poderán sumarse as persoas ou entidades que sexan colexiados, asociados ou membros. O Colexio fomentará a adhesión dos colexiados que o desexen. Cada xestor administrativo colexiado deberá asinar un documento individualizado de adhesión ao convenio, que recolla expresamente a aceptación do contido íntegro deste.

A adhesión iniciarase a través dunha solicitude dirixida ao presidente do Colexio de Xestores. Realizadas as oportunas comprobacións, o Colexio dará traslado ao Concello do documento de adhesión convenientemente validado. Autorizado polo Concello, o xestor xa poderá darse de alta na aplicación informática municipal.

Este convenio responde ao compromiso do Concello de impulsar progresivamente a incorporación de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e no exercicio das súas competencias. Trátase, neste caso de acadar maiores cotas de eficacia na xestión tributaria, o cal implica tamén unha diminución das cargas indirectas que leva aparellado o cumprimento destas obrigas tributarias.

Compartir: