FESTAS

Un novo tratamento fotográfico de texturas sobre a Catedral, principal novidade dos Fogos do Apóstolo

21/07/2007 O concelleiro de Mocidade e Festas, Xosé Baqueiro, e o director da empresa Mirada Creativa, Manuel Coronado, presentaron en rolda de prensa o grandioso espectáculo organizado para os tradicionais Fogos do Apóstolo, que terán lugar o próximo martes, 24 de xullo. Baqueiro destacou a importancia deste espectáculo "o máis importante que se celebra en toda Europa, agás que exista un acontecemento destacado". Tamén quixo convidar a todos os santiagueses a aos turistas a participar desta festa que co paso dos anos "converteuse nunha celebración de carácter internacional".

A empresa Mirada Creativa, dirixida por Manuel Coronado, é a encargada de dar vida a este espectáculo. O Consorcio de Santiago financia os Fogos, que contan cun orzamento de 229.000 euros e que se celebran desde o ano 1852. A empresa ten unha gran traxectoria profesional, destacando as cerimonias inaugural e de clausura da Expo 92; a inauguración dos Campionatos do Mundo de Atletismo de Sevilla ou, máis recentemente, a celebración do título de Liga do Real Madrid.

Manuel Coronado destacou que coa organización deste espectáculo non se va a danar nada ao patrimonio histórico da cidade e que, a pesar de haber moito fogo na Catedral, non quedará ningún residuo. Ademais, unha das novidades deste ano é conseguir que a Catedral respire; outorgarlle protagonismo arquitectónico e conceptual á Catedral e ao Apóstolo.

Haberá un gran traballo de iluminación exterior e interior, con especial atención para as torres. A principal novidade deste ano é o novo tratamento fotográfico de texturas que se utilizará sobre a Catedral.

A música foi escollida con moito coidado e agarimo, onde a música autóctona se mesturará con grandes temas históricos. Os quilos de pólvora que se empregarán equivalería á queima dunha falla das grandes de Valencia.

O equipo de Mirada Creativa amosouse moi ilusionado por este reto e aseguran que o seu espectáculo, que se poderá ver desde diferentes puntos da cidade, non defraudará a ninguén.

Cambio de escenario do góspel
A actuación do domingo 22 do grupo Marlena Smalls & Hallelujah Gosper Choir cambia de escenario por risco de choiva. Dadas as previsións metereolóxicas que anuncian auga para esta xornada, o espectáculo de Gospel pasará a celebrarse no Teatro Principal, en lugar de ser na Quintana.

A celebración será á mesma hora, 22:00 horas, e a venda de entradas farase contando co aforo co que dispón o Teatro Principal.

Festa Infantil o luns 23
O luns 23, os auténticos protagonistas serán os nenos. Ás 18:00 horas haberá, como é habitual nestes días, Ferradura Aberta na Alameda. Pero a novidade será a gran festa infantil que se organizará no mesmo escenario a partir das 20:00 horas, onde os máis pequenos poderán desfrutar de karaokes, DJ´s, regalos, castelos hinchables, etcétera. Unha xornada para que os nenos gocen con estas festas do Apóstolo.

Compartir: