PROMOCIÓN ECONÓMICA

Belén Mosquera gaña a edición de verán do Concurso de Escaparatismo

20/07/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou aos tres premiados na edición de verán do IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping". En primeiro lugar clasificouse o taller e tenda de vestidos de noiva Belén Mosquera pret-a-couture, situada na rúa Fonte de San Miguel, 1. En segundo lugar quedou a droguería e perfumaría Enjabonarte, ubicada na Rúa dos Bautizados, 3. E o terceiro lugar foi para a tenda de marroquinería Media Lúa, situado na rúa Travesa, 5, que xa acadara o primeiro lugar na edición de primavera.

Á edición de verán do concurso presentáronse 19 estabelecementos comerciais, de sectores tan diversos como textil e confección, xoguetarías, zapatarías, artes plásticas, droguerías e cosmética, decoración, ópticas, xoierías, antigüidades e artesanía. O xurado escolleu como gañador a Belén Mosquera pret-a-couture pola elegancia e sinxeleza do seu escaparate. Malia dispor dun espazo de dimensións reducidas, destaca a eficacia comunicativa do mesmo ao amosar non só un dos deseños elaborados pola firma, senón tamén toda unha serie de complementos coidadosamente seleccionados. Na decisión do xurado tamén resultou decisiva a espectacularidade do interior do establecemento, no que se desenvolveu un salientable traballo de carácter arquitectónico e decorativo.

O segundo premio foi para Enjabonarte. A orixinalidade do escaparate do establecemento, así como a súa ambientación, foron un dos aspectos máis destacados polo xurado do certame. Valorouse especialmente o colorismo da composición e a complexidade de elaborar un deseño novidoso partindo da base dun produto como o xabrón, que non ofrece a priori grandes posibilidades.

O terceiro premio acadouno Media Lúa Marroquinería. Os responsables do comercio buscaron a inspiración no continente africano á hora de configurar o escaparate, cunha coidada ambientación, na que se fusionan a estética de carácter étnico e a combinación de materiais como o coiro e a area. A proposta destaca pola súa orixinalidade á vez que reforza o valor da producción artesanal dos artigos comercializados.

.Os premios dos gañadores do Concurso de Escaparatismo nas súas diferentes edicións consisten en investimentos en promocións publicitarias e nun trofeo, a maiores, para o gañador anual. A publicidade, a nivel local, inclue campañas en televisión, en prensa e en radio, segundo a clasificación.

Compartir: