CONSORCIO

Finaliza a restauración do Cristo de San Paio

19/07/2007 A talla do Cristo de San Paio, que data do século XVII, resultou gravemente danada a consecuencia dun incendio provocado por descoñecidos en setembro de 2006. O Consorcio asumiu o custe da restauración, que rondou os 19.000 euros, e que foi moi laboriosa, xa que a imaxe resultou moi afectada polo lume. O traballo levouno a cabo a empresa Alfa Arterestauración.

O compromiso pola posta en valor e conservación do patrimonio histórico da cidade, levou ao Consorcio de Santiago a se encargar da restauración da imaxe do Santo Cristo da Saúde, que se venera na igrexa conventual de San Paio de Antealtares. O lume orixinado o 19 de setembro á dereita do presbiterio consumiu totalmente a cortina que enmarcaba a peza, o que provocou importantes danos nos brazos, costados e cabeza da imaxe, afectando ademais de forma grave á policromía. A tea que conformaba o pano de pureza quedou reducido practicamente a cinzas.

Desde o taller de restauración, baixo a dirección de Ángeles Fernández e a execución de Yolanda Gómez e Mar Meina, procedeuse de inmediato á elaboración dun plano de actuación que tivo como punto de partida a preparación da obra para o seu transporte a un taller especializado, actuando en zonas puntuais para evitar un maior deterioro da imaxe e construíndo unha caixa de madeira especialmente adaptada á forma do crucificado.

Un traballo laborioso
Unha vez depositado no taller procedeuse ás labores de restauración propiamente ditas. Paso a paso, comezouse coa eliminación de restos de cinza e de material queimado, o saneamento das zonas afectadas e un sentado da policromía. Durante este proceso advertiuse que a talla xa fora restaurada en precedentes ocasións, polo que, tras consultar co Departamento de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, decidiuse conservar a última intervención cromática e non proceder á eliminación de ningunha capa de repinte, xa que o aspecto final da obra trala restauración non sería uniforme.

A restauración incluíu procedementos especiais tales como o uso de papetas de disolventes aromáticos capaces de penetrar na madeira para abrandar aquelas zonas onde quedara pegada boa parte da cortinaxe que servía de fondo ao Cristo na súa capela da igrexa. Tamén se tiveron que reconstruír pequenas partes perdidas con modelados de resina epoxídica, así como refacer en parte con tea de liño sintética o pano de pureza do Crucificado.

O resultado é unha imaxe renovada do Cristo da Saúde, unha restauración que lle devolveu a súa imaxe tradicional, logo de dez meses de traballo preciso e respectuoso coa concepción orixinal da talla, de gran devoción entre as monxas de San Paio.

Compartir: